Entrevista. No tengo mamá

Xa está en marcha o Festival “No tengo mamá”,  entrevistamos a José Nóvoa e Óscar Raña dous dos responsables de Seara Records, a organizadora deste evento.

Notengomama2Primeira edición de “No tengo mamá” organizado por Seara Records, ¿Con que espiritu nace e cal é a sua finalidade?

Vai un pouco coa liña dos diferentes eventos que temos feito dende que comezamos con Seara Records; un espazo adicado a diferentes disciplinas artísticas onde participan colectivos, músicos e artistas que traballan de xeito independiente e autoxestionado. Neste caso, diferénciase dos anteriores festivais polo protagonismo que van ter os postos de autoedición, onde participaran artistas, sobre todo relacionados coa ilustración, de toda Galicia. Quizáis sexa o evento máis completo que fixemos até agora, e non é máis que un reflexo de cales son as nosas inquedanzas.

É un evento puntual ou nace con vocación de asentarse coma unha iniciativa sólida?

Como dicía antes, é unha transformación dos diferentes eventos anteriores. Cada evento ten as súas particulariedades en consonancia co momento no que nos atopamos, as cousas que aprendimos e os medios cos que contamos. Pode ser que nos próximos anos repitamos a experiencia, fagamos outras cousas de maior ou menor magnitude ou simplemente non fagamos nada. O único que sabemos é que pertencemos a este momento é queremos aportar algo.

Cal é o principal problema ou problemas os que vos enfretades á hora de organizalo? (Espacio, autofinanciación….).

Moitas das cousas que conseguimos, como o espazo onde se celebra, o escenario, os murais pictóricos, a decoración e a seguridade, foron grazas a aportación de diferentes comercios locais, asociacións e outras iniciativas culturais da cidade. Isto non quere dicir que fose un proceso doado, senón que conlevou moito esforzo á hora de presentar o proxecto e procurar esa colaboración.

Notengomama3Que destacaríades en canto a actividades?

Pois a participación do colectivo Open Book de Cangas, que nos invitarán a combinar os nosos refrescos con ilustración nunha xornada de debuxo libre sobre caderno na que calquera poderá participar. Tamén cabe destacar, entre outras cousas, o recital do maxistral poeta Carlos Oroza, ou a intervención dos colectivos de teatro 8mm e Pinchcarneiro, na apertura e peche do festival respectivamente.

Nos últimos tempos estamos sendo testemuñas de eventos de autoedicion na Galiza coma Gropo-Gropo, Autobán…. é indicativo da boa saúde da que gozan os nosos creativos?

É lóxico que sí. Existe un amplo circuito da autoedición na Galiza que se retroalimenta e se atopa en continua expansión, polo que cada vez é máis necesario que se creen este tipo de eventos a favor da difusión e recoñecemento do traballo daqueles artistas que se enmarcan nesta esfera.

Cal pensades que é o estado da autoedicion en Galicia? Pódese artellar unha carreira profesional ó redor desta alternativa ou crees que é necesario ter unha editorial ou selo detras e deixar que o artista se adique a crear?

De momento artellar deste xeito unha carreira profesional que nos garanta o sustento económico vital é case imposible. Pero seguimos loitando para que esto sexa posible. A demanda é moi ampla, e a calidade artística que desprende a escena da autoedición galega é igual (e moitas veces superior) á que podemos atopar no ámbito profesional.