No tengo Mamá, festival de autoedición en Vigo

no_tengo_mama

Cartel de Óscar Raña

Os vindeiros días 28, 29 e 30 de agosto na cafetería cultural Detrás do Marco (Calle Londres, s/n Vigo) vaise celebrar o festival No tengo Mamá, un evento centrado na autoedición.

Este festival “nace con especial predilección polas publicacións gráficas, obras audiovisuais e traballos musicais que fuxen dos formatos e contidos habituais e que existen unicamente grazas ó interese, persistencia e o peto dos seus propios creadores”.

Fanzines, casetes, vinilos, banda deseñada, revistas, serigrafías, ilustracións, obras orixínais, roupa customizada… todo o que naza das mentes inquedas e das mans dos seus creadores ten un sitio neste evento.

Os organizadores, a xente inqueda de Seara Records,  manifestan “A nosa intención é citar nesta xoldra a colectivos e artistas que se adiquen a estes menesteres e que estean interesados en difundir os seus traballos e intercambiar experiencias e trato con outros individuos deste mundillo.

Entre as actividades previstas, haberá concertos, recitais, teatro, proxeccións, talleres, concursos, unha exposición e presentacións.

Despois da exitosa experiencia do Autobán da Coruña e do xa máis que consolidado Gropo-Gropo (ou como lle toque chamarse) do Liceo Mutante de Pontevedra, está claro que a autoedición e o “DIY” son movementos puxantes e que están a facer forza por mover a cultura galega.