Astérix en galego

Portada de Astérix e Cleopatra de Mas-Ivars Editores

Portada de Astérix e Cleopatra de Mas-Ivars Editores

Tras ter recibido algún comentario na entrada sobre a tradución de Tintín ao galego, toca revisar outro dos grandes heroes da banda deseñada; o irreductible galo Astérix.

Astérix foi traducido en 1976, uns anos antes que Tintín (se seguimos ese paralelismo entre os heroes de Francia e Bélxica).

A edición correu a cargo da Librería Arenas da Coruña baixo o selo “Mas-Ivars”, quen tivo unha grande actividade entre os anos 1974 e 1978, publicando, entre outras personaxes,  as aventuras de Astérix traducidas ao valenciano, catalán, euskera e galego.

A tradución ao galego foi feita polo escritor Eduardo Blanco-Amor, e polo seu irmán Juan.

Nesa primeira etapa, os libros traducidos foron:

  • A loita dos xefes
  • Astérix e Cleopatra
  • Astérix e os normandos
  • Astérix lexionario
  • Astérix na Helvecia
  • Astérix o galo
  • Astérix e os godos
  • Astérix e a fouce de ouro
Portada redeseñada de Astérix e Cleopatra para Grijalbo/Galaxia

Portada redeseñada de Astérix e Cleopatra para Grijalbo/Galaxia

Con posterioridade, os dereitos pasaron a mans da Editorial Galaxia quen conxuntamente con Grijalbo-Dargaud editou 14 libros entre 1992 e 1998:

  • A cizaña
  • O combate dos xefes
  • Astérix nos xogos olímpicos
  • A gran travesía
  • Astérix gladiador
  • Astérix o galo
  • Astérix en Hispania
  • Astérix e Cleopatra
  • Astérix na terra dos bretóns
  • Astérix, os loureiros do César
  • Astérix, o fouciño de ouro
  • Astérix na terra dos belgas
  • Astérix, a volta á Galia
  • Astérix, o regalo do César

Entre os anos 2008 e 2010, Salvat edita un recopilatorio e algún libro especial como o titulado “Como caeu Obélix na marmita”. Na tradución destes volumes participou Valentín Arias, quen xa fora o responsable da tradución de Tintín ao galego .

Xa no ano 2013, a Editorial Galaxia publicou o último número en galego, “Astérix e os pictos” que foi todo un éxito de vendas, como xa nos contou Manuel Bragado cando pasou polas Metrópoles Delirantes.

Unha mágoa que aínda non poidamos desfrutar de todas as aventuras de Astérix no noso idioma.