ETA nos cómics

Este ano na bd estatal, publicáronse dous libros que tratan o mesmo tema, a organización vasca ETA. Aínda que a existencia de ETA alongouse por máis de 50 anos, no estado español sempre foi un tema “delicado” do que se falaba pouco. Namentres no cinema ou noutros tipos de literatura si que houbo distintas miradas e bastante produción, na bd, polo menos a nivel nacional é case inexistente e, ata este ano, só “La ola perfecta” se atreveu a levar á banda armada ós cadriños.

he_visto_ballenasPero parece que por fin a bd da un valente paso adiante e coa publicación de “He visto ballenas” de Javier de Isusi e “Las oscuras manos del olvido” de Cava e Seguí, non só é quen de tratar o tema, senón de paso, tamén de escenificar esa España dividida.

É este un tema que non só é polémico senón que un conflito de tal lonxevidade rematou por polarizar a vida política do estado, chegando a tales cotas de surrealismo que calquera guión de Berlanga contaría de forma máis veraz a realidade que algúns gobernos e medios de comunicación. Deuse nunha utilización do conflito e das vítimas oficiais con fins exclusivamente electorais, esquecendo sempre ós cidadáns e a resolución dos problemas trocando nun indecente artificio as políticas de paz pola estratexia do avestruz.

he_visto_ballenas_pag1He visto Ballenas

Javier de Isusi, narra a través da historia de tres personaxes, non só a máis que evidente desgraza de vivir nun clima de violencia e como afecta este as persoas que a sofren, tanto dun bando coma do outro, senón que pon enriba da mesa ás distintas realidades dun conflito armado. De Isusi céntrase nas vidas, nas persoas máis que nas ideoloxías e aborda o tema coa delicadeza e prudencia que da o feito de ser vasco.

O libro conta tres visións do conflito, a través dos ollos dunha vítima, dun mercenario do GAL e dun etarra, tres persoas que teñen conectadas as súas vidas e que buscan comprender para ser capaces de trocar o seu camiño vital. Persoas que buscan os camiños do perdón e a reconciliación máis que a vinganza.

De Isusi escolle o marelo e o gris azulado para o seu debuxo que cun trazo lixeiro e por momentos máis abocetado que definido transmite e reforza perfectamente as sensacións que o guión vai creando a cada paso da historia.

He visto ballenas é un libro delicioso dos que non se poden deixar ate o final, cunha narración equilibrada e das que deixan poso de literatura boa, arriscada e que non deixa de poñer nas páxinas preguntas intelixentes sen dogmatismos. Ten un pequeno epilogo, de Leticia Ruifernández, que é en si unha metáfora ilustrada.

Las oscuras manos del olvido.

Hernández Cava e Bartolomé Seguí volven a traballar xuntos por terceira vez neste libro no que tentan ollar o conflito dende a beira das vítimas.

Las_oscuras_manos_portada

Contan esta historia través dun mafioso marsellés, empeñado en cumprir a promesa de vinganza feita a un asasinado por ETA. Toinou, o marsellés, busca a un home do que só sabe o seu alcume, Itzala. Así mergullase no máis escuro das cloacas do estado e a guerra, nunca recoñecida, que acontecía entre ETA, GAL, Servizos de intelixencia, mafiosos e violentos de toda condición. E a cada paso irá atopando as conexións entre eles.

A primeira visión que temos deste cómic é unha portada icónica e efectista, que alude á imaxe da peste que é unha metáfora recurrente ó longo do libro, moi ben traballada por Seguí que xa nos anuncia as altas cotas gráficas que alcanza este libro, un debuxo de grande calidade e cunha paleta de cores moi ben escollida que reforza a escuridade da que fala o libro.

Las_oscuras_manos_pag3O que en principio parece unha interesante historia de xénero negro, impecable graficamente e que en mans deste solvente guionista podería ser trepidante, remata sendo, precisamente pola pesadez do guión con esaxerada tendencia ó monologo de filosofía banal e con forte escoramento ideolóxico, un panfleto de propaganda no que Hernández Cava volve a mostrar que os excesos de texto en ningún modo son bos para a bd, caendo en practicamente todos os tópicos, incluído (sic) o da tristura da luz do norte, e arroubando para si un discurso que por evanxelizador ten pouco de serio, nada de imparcial e si moito de moralina vacua.

Dúas visións tan distintas dos feitos, das persoas e das solucións como distantes ó epicentro do conflito.

La ola perfecta.

Esta obra foi publicada xa hai uns anos, e foi (que eu saiba) pioneira en tratar o conflito vasco, aínda que dunha forma moito máis tanxencial que as outras duas.

Ola perfecta1Ramón de España conta a vida dun policía que coa vida esnaquizada por mor dun atentado sómente sobrevive, no seu novo destino en Barcelona.

Atormentado e na busca continua dos límites adícase xunto o seu sogro á vinganza, e á autodestrución física e psíquica. Remata por cruzarse con Eva, unha muller que lle esperta sentimentos xa esquecidos e que agrava os problemas que a súa vida de xusticeiro lle trae.Ola perfecta2

Aínda que de Ramón de España pon unhas boas premisas enriba da mesa para unha novela negra e constrúe uns personaxes complexos e coas aristas propias da humanidade, a historia que na realidade naceu para ser guión de cine, da a impresión de que queda desenrolada moi por riba. O traballo de Sagar na parte gráfica é irregular, nun branco e negro demasiado esquemático por veces, e fai que a falla de concreción traspase do debuxo á narración.