O Botafumeiro, revista satírica dixital, feita en Galiza.

Obotafumeiro1

O sector da bd, a ilustración e o humor gráfico en Galiza ten desde hai anos unha nómina de grandes nomes, e sobre todo unha gran inquedanza creativa, dende o añorado Colectivo Polaqia ata os modernos fanzines Sacoponcho ou Compota de Manatí, pasando pola revista Retranca o sector está continuamente reinventandose e procurando darlle saida a todo o talento creativo do que gozamos.

O derradeiro movemento neste sector nace para ocupar un espazo que na terra aínda non tiña unha cabeceira de referencia. A revista Botafumeiro é a aposta dun grupo de xente con ampla experiencia que agora decidiron xuntar as súas capacidades para crear esta publicación humorística que será mensual e dixital, cada número estará adicado a un tema de actualidade e vanse alternar textos e máis comics, a lista de colaboradores é  impresionante.

Fixémoslle unhas preguntas a Jano un dos impulsores desta revista.

Como xorde esta idea tan poderosa de lanzar unha revista dixital en galego?

A idea xorde da propia necesidade de ter un sitio onde traballar, aproveitando as posibillidades que ofrece internet.

Levábamos tempo coa teima de facer unha publicación, cando sae Orgullo y Satisfacción vemos un modelo que seguir, tamén, aproveitando a visita de Marcos Martín ao Viñetas desde o Atlántico, falamos con el sobre o súa experiencia con The Private Eye.

Obotafumeiro_sancanutoQuen participa na revista?

A revista alternará textos e viñetas, todo dentro dunha óptica satírica.

Contamos con xente da BD coma Xiomara Correa, Alberto Guitián, Berto Fojo, Brais Rodríguez, Martín Romero,  Manel Cráneo ou Fernando Ruibal, entes multimedia da envergadura dos Barbamigos, Murray Mckinley recen chegado das Ghailanders para participar no Botafumeiro, a blogueira Diana López, Toño Tejerina (Diablo sobre ruedas) e poñendo a guinda Rodrigo Cota. Nos vindeiros números iran aparecendo novas incorporacións e sorpresas, por exemplo neste primeiro ofrecemos un avance do próximo lanzamento editorial do debuxante californiano Kas, cortesía de Autsaider Comics.

Con esta iniciativa anda a BD Galega na procura do seu oco no mundo dixital?

Pensamos que é bastante evidente que o oco existe, pola nosa parte imos tentar enchelo.

Hai algunha editorial detrás ou botádesvos a tumba aberta?

A elección do formato dixital permítenos arrancar cun orzamento moi inferior do que suporía un formato físico.  Organizámonos como unha cooperativa na que os seus membros xeran o capital a raíz do seu traballo.

Cando poderemos merca-lo primeiro número?

Aínda non temos fixada unha data de saída, pero estimamos que lanzaremos o primeiro número de O Botafumeiro a principios de Outubro.