Basura especial

BasuraespecialCando tes unha mente inqueda e unhas boas mans para ilustrar só poden nacer proxectos divertidos e de calidade, e isto mesmo é o que pasa no caso de Basura Especial, un blogue no que Xiana Alonso, unha ilustradora galega, publica os seus traballos, que son, como poderedes comprobar moi sorprendentes.

Un estilo gráfico ben definido con (cáseque) exclusividade do lapis en trazos sinxelos e un envexable humor negro, que Xiana mestura en sabias e medidas doses, con algo de inocencia, é o que fai de Basura Especial un proxecto divertido e sorprendente como unhas zocas con chatolas, aquí hai ilustracións de cine, música, moda, e ata recurtables, tamén hai dous webcómics, nun, Xiana ilustra a vida de Hildegart Rodríguez Carballeira unha nena superdotada e adiantada ó seu tempo que ten unha tráxica, pero apaixonante historia. No segundo ilustra a coñecida e cinematográfica historia da Dalia negra.

Tamén podemos conseguir na web un exemplar dun fanzine de 20 páxinas con ilustracións e poesías infantís.