O papiro de César é o titulo do seguinte álbum de Astérix

O-papiro-de-Cesar-metropoles-delirantesXa hai data e xa coñecemos o título do seguinte álbum dos irredutibles galos, o 22 de outubro de 2015 publicarase o trixésimo sexto álbum de Astérix e Obélix, que terá por titulo O papiro de César. Repiten neste álbum, tanto o guionista Jean-Yves Ferri coma o debuxante Didier Conrad, que foron os escollidos en 2013 para continuar coas aventuras dos personaxes de Goscinny e Uderzo no exitoso (en vendas) Astérix e os pictos (editado en galego por Xerais).

Nesta nova aventura a historia transcorrerá na Galia, mantendo a tradición de alternar un álbum onde Astérix e Obélix viaxan a outro país cun no que a acción ten lugar na Galia, ademais revelaron que haberá batallas e novos personaxes, algún “moi desagradable”, e que se abordará un tema característico da sociedade moderna”.

Astérix e Obélix é unha das poucas obras da BD que ten unha tradición de edición en galego, con máis de 20 álbums traducidos dende que en 1976 se publicaran os primeiros títulos en versión galega con tradución de Eduardo Blanco Amor.

Manuel Bragado, Director Xeral de Edicións Xerais anunciou no seu blogue que antes da publicación desta nova aventura, no vindeiro mes de maio estarán dispoñibles nas librarías as novas edicións en galego da terceira e cuarta entrega da serie, Astérix e os godos e Astérix gladiador, traducidas por Xavier Senín e Isabel Soto.