GRIPO GRIPO – Xornadas de Edición Modesta no Liceo Mutante

gripo-gripo-metropoles-delirantesO Liceo Mutante leva xa anos loitando e organizando eventos e multitude de actividades dende talleres a concertos, e cada ano unhas xornadas de autoedición que foron pioneiras e xérmolo de outras coma o Autobán ou No tengo mamá.

Os vindeiros 26 e 27 de xuño voltan as  fantabulosas Xornadas de Edición Modesta, esta vez baixo o nome de GRIPO GRIPO. Coma en anteriores ocasións será unha cita imperdible. E se queredes estar presentes como expositores tedes que seguir estas directrices:

Se queredes poñer un posto no que vender e amosar a os vosos fanzines, comics, discos, láminas etc. non tedes máis que enviar un mail que conteña o seguinte: 
  • 1. Breve texto explicativo (5-10 liñas) da vosa proposta, contando quen sodes, que facedes, de onde sodes e por que queredes vir. 
  • 2. Cinco imaxes relacionadas coa proposta que amosen as vosas publicacións, traballos, etc. Nada de asociacións de imaxes evocadoras, por favor; só o voso traballo.
  • 3. Ligazóns ás vosas webs ou ciberespacios (en caso de que os teñades).

Estamos abertos a todo tipo de propostas relacionadas coa autoedición, pero convén ter en conta algunhas cousas:

  • 1. Os criterios de selección para as Xornadas de Autoedición do Liceo Mutante priorizarán as propostas relacionadas coa edición gráfica, literaria e sonora, o que non pecha necesariamente a porta a propostas de edición de natureza distinta. Interésannos particularmente as publicacións, iso si.
  • 2. O que máis nos chega á pataca son os proxectos de autoedición pura e dura; admitimos propostas de proxectos editoriais pequenos, arriscados e próximos ó submundo, pero non as de medios establecidos nin publicacións patrocinadas. Tampouco aceptaremos propostas de institucións ou entes similares que intercedan polos artistas. Chatarra, por favor!
  • 3. Finalmente decidiremos baseándonos nos nosos gustos persoais e concretos, que están moi lonxe de ser absolutos. Resulte ou non escollida a vosa proposta, por favor, non deixedes de facer cousas. 

Os proxectos seleccionados contarán cunha mesa para expoñer e vender o seu material durante as xornadas. Ademáis, e como é habitual, trataremos de facilitar o aloxamento a aquelas propostas que veñan de fóra de Galicia, dando prioridade a quen veña dende máis lonxe.

Podedes escribirlles a: artes.liceomutante@gmail.com ata o domingo 31 de maio (as propostas que cheguen máis tarde das 23:59 do día 31 serán automáticamente rexeitadas).