Fanzinadas, novo evento de autoedición na Galiza

Fanzinadas21015Fanzinadas será a nova cita, desta volta en Carballo, para facer medrar ó calendario de eventos de autoedición dos que podemos gozar na terra nosa, ás xornadas do Liceo Mutante (gripo, gripo) en Pontevedra, Autobán na Coruña, No tengo mamá en Vigo, e as AU-OU en Ourense, engádese agora esta en Carballo.

Encadrado na Praza dos Libros que é a feira cultural que se celebra do 20 ó 23 de Agosto no Xardín Municipal, teremos o Fanzinadas, unha mostra de fanzines e autoedición. Dende a organización do evento poñen a dispor este correo electrónico  info@lauratova.com (ata o 12 de Agosto) para os que esteades interesados en levar os vosos traballos a esta cita.

Unha fermosa iniciativa do Concello de Carballo que está apostando moi forte pola cultura con eventos coma este, o festival de webseries ou iniciativas coma o derrubando muros con pintura, un exemplo que deberan seguir eses concellos que só gastan cartos en poñer barcos na terra.