Contando historias persoais: a biografía na Banda Deseñada

Os feitos e avatares dos individuos sempre tiveron un grande atractivo para os lectores de tódalas épocas: dende as Vidas Paralelas ata a monumental obra sobre Virginia Woolf publicada este mesmo ano, as biografías son un dos xéneros estrela da literatura universal. O cómic leva anos explorando este ámbito, aínda que no último lustro produciuse un verdadeiro boom sobre todo no mercado francés e anglosaxón.

Con este tipo de enfoques demostrouse de novo a versatilidade da BD para achegarse a figuras históricas e ao seu contexto, sen perder polo camiño a frescura do medio ou a potencia da linguaxe visual.

De música, literatura e contexto histórico

Tradicionalmente na biografía predominaron os grandes nomes do mundo militar ou da política pero o cómic adoita abordar figuras relacionadas coa arte e a literatura. Pouco a pouco tamén van fuxindo das personaxes máis recoñecibles para abordar as vidas de individuos esquecidos ou nas beiras da sociedade tradicional. Picasso

O xeito de abordar o guión destas obras vai dende a achega máis clásica, de carácter divulgativo (como a de Olympe de Gouges), a mestura entre a novela gráfica e a biografía ilustrada (co Kafka de Crumb) ou propostas máis innovadoras como Las Meninas, nas que se introduce a influencia de Velázquez noutros artistas e intelectuais. Mais o que todas elas teñen en común é a oportunidade de achegarse a públicos que normalmente non se relacionan co cómic.

Importante é tamén a presenza de biografías de figuras femininas, que axudan a dar a coñecer a mulleres eclipsadas no percorrer da historiografía tradicional sen esquecer o contexto social e histórico no que se desenvolveron as súas vidas:

  • Olympe de Gouges (Catel e Bocquet): O ambiente revolucionario de finais do século XVIII segue os pasos desta personaxe case descoñecida, á procura do recoñecemento dos dereitos da muller. Os autores realizaron un grande traballo de investigación tanto para os feitos históricos coma para a arquitectura ou a moda do momento.
  • Superzelda (Tiziana Lo Porto e Daniele Marotta): A vida de Zelda Fitzgerald sae da sombra do seu marido para amosarnos a súa fascinante personalidade. Os tolos anos 20 e o contacto con outros escritores clave da literatura asómanse ás viñetas mesturando o humor e o emprego do seu epistolario persoal como referencia.
  • Kiki de Montparnasse (Catel e Bocquet): Aquí agroman de novo os anos 20 pero dende a perspectiva parisiense, onde se xuntaron os grandes creadores das vangardas. Coñecemos o día a día do mundo bohemio a través dos ollos de Kiki, afondando no propio concepto da musa e nas complicadas relacións dos diferentes movementos pictóricos.

Doutras historias ocultas falan obras coma Degenerado, na que se fai un emocionante percorrido pola vida de Paul Grappe e a súa muller, introducindo temas como o da identidade sexual. Deste xeito, a BD é unha boa oportunidade para achegarse a períodos históricos como a I Guerra Mundial dende o punto de vista de individuos que non foran tidos en conta ata agora. Ademais amosa a boa relación que se pode establecer con textos de corte máis académico (o cómic inspirouse no ensaio La garçonne et l’assassin). Non esquezades que a súa autora, Chloé Cruchaudet, é unha das convidadas ó Viñetas 2015 e dará unha conferencia o sábado 15!.

degenerado

 ‘Breve encontro’ e a relación coa poesía

Un dos mellores exemplos á hora de abordar a biografía dende unha perspectiva diferente é a realizada por Jacobo Fernández en Breve Encontro, na que se mesturan con xenialidade os datos persoais do poeta Lois Pereiro e a forza lírica das súas composicións, grazas a un orixinal guión e unhas imaxes que non perden nunca o contacto co onírico.Breve_Encontro

Dende a homenaxe ao coñecido filme de David Lean, pasando polo emprego do humor e a representación dos poemas, retrátase tamén unha parte da nosa historia recente. Sen dúbida foi unha das grandes achegas para o ano das Letras Galegas do 2011, moito máis acertada que os percorridos cronolóxicos dos que tanto se abusa durante esas datas.

Noutra entrada falaremos do emprego da autobiografía, na que os autores retratan dende as súas experiencias vitais máis triviais ata traumas persoais, reflectindo o mundo que os rodea coa súa particular personalidade e expresión visual.