Contando historias persoais (II): retratos dende a primeira liña

Na anterior entrada falamos sobre a importancia que está a ter a biografía como un xénero de seu dentro da banda deseñada e deixamos á parte a autobiografía pola súa variedade de temas, estilos e perspectivas. E se nas primeiras destacaba a nosa curiosidade por indagar na vida dos outros, nas segundas os autores achéganse ao lector dun xeito máis directo con historias coas que nos podemos identificar e comparar coas nosas propias experiencias.

Houbo moitos xeitos de achegarse á autobiografía na literatura: foi un método para relatar vidas relixiosas, agrandar a visión dun mesmo de cara a galería ou incluso desafiar os límites entre o imaxinado e a realidade (ao estilo, por exemplo, de Giacomo Casanova) pero case sempre estaban estruturadas arredor dunha liña cronolóxica definida. No cómic non existen límites temporais nin formais, con regras ditadas unicamente pola personalidade e estilo de cada autor.

A pesar destes múltiples enfoques, pódese blanketsfalar dunha tríade que sae a relucir sempre que se fala desta temática: Maus, Persépolis e Blankets. Son obras imprescindibles que recollen parte dos estilos máis empregados nas últimas décadas, dende a procura do pasado familiar, á denuncia dunha situación política vivida de primeira man ou momentos concretos que cambiaron profundamente ós protagonistas.

Un autor, unha perspectiva

Aínda que atopamos exemplos que poderían encadrarse dentro dun estilo máis clásico –como Una vida errante de Yoshihiro Tatsumi, cun percorrido cronolóxico e estático–, na BD destaca a mestura de datos históricos que articulan o contexto no que se moven os autores, os flashbacks, o humor e as reflexións de todo tipo, máis aló do típico relato pormenorizado dos feitos.

Hai autores como Spiegelman que abordaron a súa obra como un xeito de comprenderse mellor a si mesmos, unha catarse persoal na que tamén pesan en grande medida as partes histórico-políticas –unha das vantaxes do cómic sobre a maioría das autobiografías tradicionais é que funciona a múltiples niveis–. Dende as historias de Marjane Satrapi ate os traballos de Guy Delisle (cos seus interesantes percorridos por Corea do Norte, Xerusalén ou Birmania), convértense nunha ferramenta perfecta para coñecer contextos e culturas moi afastadas da nosa. Nestes casos, os autores percorren intres das súas vidas sen esquecer a denuncia social ou expoñendo as incongruencias dos sistemas totalitarios.

Tamén poderíamos falar de obras centradas en momentos concretos, de corte moito máis intimista e que sorprenden pola súa sinceridade como a propia Blankets ou Píldoras Azules. Son os que amosan unha maior liberdade creativa, tanto nas composicións das páxinas coma no emprego das metáforas. Noutros casos, como o de María y yo, o cómic está construído con imaxes directas e cores para achegarnos ó seu mundo interior e compartir o método de comunicación entre pai e filla.

pildoras_azules

O humor do día a día

Pero se hai unha tendencia que gaña na actualidade é a do humor: os pequenos detalles triviais que conectan cos lectores precisamente pola súa sinxeleza, porque ao final son situacións polas que todos pasamos algunha vez. Dende Paco Roca e as Memorias de un hombre en pijama ou as aventuras familiares dos comezos de Laura Pacheco en Let’s pacheco hai un extenso percorrido polo cotiá, falando do difícil da convivencia, de facerse maior ou a importancia de devolver oskate_beaton tupper.

O ámbito xeográfico dos autores non importa, porque como demostran os doodles de Kate Beaton, no día a día somos máis parecidos do que pensamos. Ademais revelan a importancia do emprego de Internet en boa parte destas historias autobiográficas, como ferramenta de difusión antes de dar o salto á versión impresa.

Todas elas parten da necesidade persoal de compartir algo íntimo pero co paso do tempo, acaban sendo un reflexo sobre o mundo actual no que vivimos. Pode que cos anos incluso lembremos os comezos do século XXI con estas obras, sendo como son unha fonte inesgotable das pequenas (e grandes) dúbidas, medos e rutinas que nos definen.