Os mundos compartidos da Literatura e o Cómic

A literatura e o cómic manteñen unha relación longa e frutífera, con constantes influencias de ida e volta: mentres que a primeira aportou temas e personaxes sobre os que debuxar e experimentar dende a particular visión das viñetas, a BD serviu dende as súas orixes para crear lectores apaixonados, que cos anos ampliaron fronteiras con outros espazos narrativos como a novela ou a poesía.

Nesta relación, os autores de cómic souberon crear universos novos con esas herdanzas literarias —dende a Liga de los Hombres Extraordinarios de Moore e O’Neill, ate Hellboy e a súa conexión cos monstros atávicos de Lovecraft ou a inspiración da xeración Beat que se respira na quinta entrega de Blacksad, Amarillo—. Pero máis aló destas referencias, o papel dos propios escritores e as adaptacións de obras literarias ofrecen sempre material interesante ao que achegarse.

De profesión ‘crear obras universais e salvar o mundo’

O atractivo dos escritores podemos velo nas devanditas homenaxes ás súas criaturas ou no estudo das súas vidas e percorridos profesionais en múltiples biografías. Porén, unha das referencias máis socorridas é o emprego dos autores reais coma personaxes que se moven no mundo de ficción da BD.

sandman2

Poden servir como ferramenta para introducir temas como a procura da inmortalidade, nas que Shakespeare sempre é unha boa escolla. En Sandman aparece en varias ocasións, pero é na historia de El Sueño de una Noche de Verano cando Gaiman aproveita para afondar no papel que Sono —o inconsciente e o irreal—xoga no proceso creativo. Tamén hai presenzas menos filosóficas e realistas, coma o Jack London que coincide con Corto Maltés na guerra entre Xapón e Rusia. O seus diálogos achégannos á súa vida errante como xornalista en conflitos de medio mundo, que nos transporta aos caóticos comezos do século XX en cada unha das súas reflexións irónicas.

Pero se hai un grupo de autores preferidos son os que puxeron os fundamentos do misterio, o terror ou a ciencia-ficción durante o século XIX: H.G. Wells en Strange Detective Mysteries, Conan Doyle no manga Kuroshitsuji ou Poe na súa estraña conexión con Batman en Nevermore. De todos eles destaca Lovecraft, que tanto fai equipo co autor de O Corvo para resolver misterios paranormais como ten que enfrontarse ás súas propias criaturas. Aínda que unha das mellores encarnacións é a divertida versión de José Oliver e Bart Torres en El joven Lovecraft, compartindo plano ás veces con outros famosos decimonónicos coma os Poetas Malditos.

joven_lovecraft

Unha boa colleita de adaptacións literarias

Outro punto de conexión (máis interesante para a experimentación no debuxo) son as adaptacións literarias que case dende os comezos do cómic, serviron para achegar novelas e autores clásicos  ó público xuvenil —daqueles tempos escuros onde se consideraban fundamentalmente cousas de rapaces—. Esta época deixou iniciativas como a de Bruguera nos anos 50-60 e a súa Colección Historias, cunha mestura de texto e viñetas que se achegan máis ó dorritlibro ilustrado. Na imaxe do lado podedes ver un exemplo de La Pequeña Dorrit de Dickens, acompañada do estilo inconfundible de Jaime Juez Castellà.

Na actualidade seguen a facerse adaptacións para os mozos, pero cun estilo moi afastado daquela escola realista: só hai que ver a versión do Amadís de Gaula de Emma Ríos para comprobar non só cómo mudou a linguaxe visual, senón tamén o xeito de achegarse ás novas xeracións.

Hai outras adaptacións dirixidas a un público máis amplo que son quen de captar a densidade da obra orixinal combinándoa coa ambición artística dos debuxantes. Temos dende o estilo barroco e persoalísimo de Martin Rowson no seu Tristram Shandy —cheo de referencias delirantes nas que quixo xogar coa estrutura do cómic, seguindo o desafío que Sterne fixera coa novela, unha das menos lineais posibles—, ate a sobriedade de Nela, na que Rayco Pulido aborda unha das obras máis coñecidas de Galdós. O emprego da cor e o epílogo achégannos ao interesante proceso de trasladar unha novela a un medio cuns recursos narrativobeowulfs e gráficos propios.

Pero unha das máis fascinantes dos últimos anos é o Beowulf realizado por David Rubín e Santiago García, unha perfecta enciclopedia das ferramentas expresivas que ofrece o cómic, cun guión cheo de beleza poética/épica. Unha versión que desafía ao lector a correr cara a biblioteca máis achegada e afundir en tódalas sagas nórdicas dispoñibles.

As relacións entre ambos mundos, literatura e banda deseñada, ás veces son complicadas, ás veces non funcionan, mais sempre se retoman: quedan moitos mundos que compartir e personaxes que (re)imaxinar.