Unha viaxe ao Período Edo a través do manga

Hai certas culturas que sempre exerceron unha poderosa fascinación sobre a mentalidade occidental, xa sexa por seren totalmente contrarias á propia, pola súa filosofía ou polo engado das súas expresións artísticas. Xapón é o mellor expoñente desa atracción e todo o que chega dese lugar ó outro lado do mundo ten a forza do descoñecido.

O manga, unha das súas exportacións culturais máis fortes, converteuse co tempo nunha boa ferramenta para achegarse ao seu pasado, destacando a multitude de obras situadas na época Edo (1603-1868). Durante eses anos o shogunato Tokugawa pasou por diversas etapas —do esplendor inicial á crise que levaría á Era Meiji— e o cómic foi recollendo dende os seus inicios personaxes, paisaxes e costumes que forman parte do noso imaxinario sobre o país nipón.

O camiño do samurai

Se hai unha imaxe na que pensamos cando se nos fala do período Edo é a figura do samurai e  a estrita xerarquía social da que formaban parte. Boa parte do xénero de espada (coñecido como chanbara no ámbito do cine) está situado nesta etapa histórica, ofrecéndonos dende biografías de guerreiros famosos ata historias intimistas ou de carácter fantástico.

Gatsuma Gishiden: El honor del samurai, é unha lectura básica para achegarse á figura dos samuraicoñecidos guerreiros dun xeito máis realista, afastándose da visión romántica do bushido. En tempos de paz a súa adaptación á vida civil é difícil e destaca o último volume, onde se amosan acontecementos como as obras para controlar as inundacións en 1754 e as duras condicións de vida tanto dos samurai coma dos campesiños.

Pero a referencia por excelencia é El Lobo Solitario y su cachorro, na que podemos seguir o épico percorrido dun home para vingar á súa familia. As loitas internas dentro dos clans para achegarse ao poder xogan un papel fundamental, tamén a corrupción dentro do sistema, que se mestura coa vida das xentes de aldea, bordeis e asasinos, desvelando as raizames podrecidas que levarían ao derrubamento do shogunato no século XIX.

O mestre Osamu Tezuka abordou esas últimas décadas na obra El árbol que da sombra, un monumental traballo con múltiples lecturas. A través de dous personaxes (un médico e outro samurai), reflíctense detalles coma as constantes loitas contra a entrada de coñecementos e ideas procedentes do exterior, a chegada de novos xeitos de facer a guerra e os estertores dun feudalismo que xa non tiña lugar no mundo moderno. Tamén é interesante cómo retrata a situación da muller: sempre nas marxes das vidas dos protagonistas, encaran con afouteza a violencia diaria que as atrapa.

bakufu

Como último chanzo deste percorrido podería citarse a Rurouni Kenshin, que xunto aos elementos fantásticos fai referencia ás duras consecuencias da guerra civil que deu lugar á Era Meiji e a complicada adaptación dos samurais a este novo contexto.

Da filosofía da caligrafía á beleza dos obxectos cotiás

caligrafíaVagabond é un dos mangas onde se aborda (moi libremente) a figura dun personaxe histórico coma a do guerreiro Musashi Miyamoto. Máis aló da historia do protagonista hai certos personaxes secundarios que nos ofrecen outras perspectivas da cultura xaponesa. Entre eles destaca Honami Koetsu, introducindo a importancia da caligrafía e a relación que posúe con outros ámbitos da vida xaponesa, como o camiño da espada ou a filosofía.

En tódalas obras mencionadas (e no manga histórico en xeral) destaca o coidado dos autores á hora de recrear o pasado: dende o contraste entre as zonas rurais e o mundo urbano ate a minuciosidade á hora de debuxar obxectos cotiás. O manga axudou a centos de lectores a coñecer e identificar vestidos tradicionais, vocabulario, artes coma o ikebana ou os fuurin, —campaíñas de vidro que xiran co vento—. Cada detalle demostra a capacidade destas publicacións para achegarse a un público máis aló das súas fronteiras e axudar a comprender un contexto alleo a través das imaxes.teatro_noh

Os protagonistas da época Edo móvense arredor dun folclore propio presente en cada un dos fondos das viñetas. Os templos reflicten a espiritualidade que impregnaba o día a día, xunto
coas estatuas votivas que aínda rodean os camiños para protexer aos viaxeiros ou as fascinantes máscaras inspiradas na mitoloxía e as personaxes do teatro Noh.

O contacto co ámbito europeo

A relación de Xapón co resto do mundo sempre foi complicada e durante o período Edo caracterizouse polo seu illamento total. Aínda así, dende 1543 algúns estranxeiros foron extranjeroschegando ás súas costas, sobre todo comerciantes e misioneiros. Estes últimos foron perseguidos durante o dominio Tokugawa e adoitan aparecer de xeito secundario nas tramas: en La Espada del Inmortal, un dos personaxes que axuda a Rin é fillo dun sacerdote portugués, mentres que a súa represión por seren considerados un perigo político é un detalle clave do anime Samurai Champloo.

A chegada das Naves Negras (nome co que os habitantes identificaron as embarcacións estranxeiras) en 1854, baixo o mando do comodoro Perry, marcou un antes e un despois nestas relacións. Se volvemos á obra de Tezuka, a influencia da escola holandesa no campo da medicina e o intervencionismo dos estadounidenses para impoñer tratados comerciais posúen un gran peso na trama, amosando o respecto do autor por achegarse á realidade do momento a través dunha perspectiva crítica.

O manga, dende o realismo máis cru ata o emprego de elementos máis fantásticos, destaca polo coidado que os seus autores amosan polo contexto histórico, convertendo as obras situadas na época Edo nunha enciclopedia coa que comprender o seu actual carácter bipolar: a pervivencia das súas tradicións milenarias e a máis avanzada modernidade.