Xornadas de BD de Ourense: ¿combustión espontánea?

I Xornadas OU As Xornadas de Banda Deseñada de Ourense foron durante trinta anos un escaparate da creación e a cultura que situaron a cidade de ouro coma referente na bd, non só na Galiza, tamén no estado español. O papel desta cita Ourensana na promoción da banda deseñada galega foi (e debera seguir sendo) fundamental, foi a primeira oportunidade de publicar para moitos autores que hoxe en día están consolidados e foi un importante apoio á profesionalización da BD galega. Mais dende o 2011, ano no que finou Benito Losada, o gran impulsor das Xornadas, o camiño foi demasiado tortuoso.

As xornadas levan catro edicións de mínimos, nas que se celebran exclusivamente para que non morran definitivamente, e grazas o entusiasmo, o esforzo, e a teima de xente coma os responsabeis da libraría Sindicato del Cómic ou a Asociación Benito Losada, organizadores da edición do 2014.

Nestes anos quedou demostrado o continuo desprezo e desleixo institucional coa nosa cultura, dun poder obsesionado con esnaquizar a herdanza da casa da xuventude e os eventos nacidos co impulso de Benito Losada; e sobre todo calquera iniciativa cultural da que non poidan controlar o contido.II Xornadas OU

Mais, non só as institucións que deben apoiar e impulsar estas iniciativas son responsabeis do perigoso camiño que levan as xornadas, hai que reflexionar dende a autocrítica, e chegados a este punto preguntarse que decisións non deben ser adiadas máis outro ano. É preciso acadar unha estrutura estable, unha organización con capacidade de traballar a longo prazo e de ser quen de sobrevivir a nomes e entes, que sexa capaz de conquerir un apoio total dos organismos públicos e o mesmo tempo sexa garante da independencia e a anovación, que sexa a barreira contra os embates de institucións cambiantes tanto en modelos coma en xestión, e caseque sempre caducas e movidas por intereses espurios, personalistas, e o afán de control ou meramente propagandístico. É preciso que volver a ter un orzamento xusto, suficiente e propio, que os cartos de todos cheguen a iniciativas culturais que son para todos, e por riba de todo é precisa a unión dos distintos colectivos e persoas que seguen arredor da bd ourensá para acadar os recursos e os apoios necesarios para facelas rexurdir con máis forza aínda.

Está moi claro que estas xornadas non son as que merece unha cidade coma Ourense nin a memoria do seu máximo impulsor Benito Losada, nin, por suposto, os lectores e autores. Hai que recuperar un espazo da cultura que foi sempre un exemplo de bo facer.