Astérix e o papel do pasado como aventura

O próximo 22 de outubro publicarase o novo álbum de Astérix, titulado O papiro do César e os fans da irredenta aldea gala andamos a matinar como será o segundo volume da nova etapa da serie. Didier Conrad e Jean-Yves Ferri (o primeiro coma debuxante e o segundo a cargo do guión) repiten como equipo creativo, un pouco máis asentados despois da presión que supuxo a súa primeira incursión.

Aínda así, Astérix e os pictos foi unha obra de transición na que apenas se saíron dos canons establecidos por Uderzo e Goscinny, algo comprensible cando un traballa cun xigante cultural destas características. Do argumento aínda non se sabe moito, salvo que a coñecida obra De asterix-metropoles-delirantesbello Gallico (Comentarios sobre a Guerra das Galias), será parte fundamental xunto coa presenza dun novo antagonista, Bonus Promoplús —nomes que coma sempre, dan moitas pistas sobre as personalidades dos protagonistas—. Deste xeito respéctase a tradición de facer un álbum nun lugar fóra da Galia e volver a ela para o volume seguinte.

Sabemos polo tanto que César estará de volta mentres agardamos que os autores decidan arriscarse un pouco máis e ofrecernos algo novo que se afaste da longa sombra dos creadores. O que si é certo é que a tirada inicial en Francia será de case dous millóns de exemplares, algo que moi poucas publicacións poden conseguir hoxe en día (haberá de novo edición en galego a cargo de Xerais).

Deixando a un lado as especulacións sobre a trama e o peso do legado herdado, Astérix segue a ser unha aposta segura máis de cincuenta anos despois da súa primeira aparición. Xeración tras xeración gana novos lectores non só polo seu humor –sabiamente empregado para relacionalo coa actualidade— senón tamén polo xogo que dan personaxes e detalles históricos.

Adaptados en función do guión, Cleopatra, as lexións, os comerciantes fenicios ou o retrato (sempre dende a caricatura) dos pobos existentes antes da conquista romana son unha fonte de inspiración para os que se achegan ás súas historias na mocidade, logrando presentar o pasado dun xeito ameno.

Entre a épica e a mitoloxía literaria

A Historia sempre foi un engado atractivo para o mundo da BD porque, ao xogar a carta da distancia no tempo e as lagoas históricas é posible argallar relatos nos que todo é posible. Neles xogan a nosa propia percepción (o que sabemos pola nosa educación pero tamén as imaxes reconstruídas pola literatura e o cinema) e a fascinación que sempre esperta en nós as épocas que nos precederon.

Dende os propios comezos do cómic o pasado estivo moi presente, coa Prehistoria (onde os humanos podían coincidir cun T-Rex sen problema) ou os EEUU do XIX (vía western) coma os lugares favoritos para unha trama coa que enganchar ós lectores. Na actualidade podemos inmortalespasearnos polo mundo antigo baixo a visión de Frank Miller en 300 —nas que as imaxes envolven en épica a complexa cultura espartana— ou un percorrido polo século XX nos cómics de Hellboy, con Rasputín e os nazis coma os inimigos perfectos.

Calquera deses momentos é un bo escenario para a aventura en estado puro, sen necesidade de ter en conta o rigor histórico, chegando a mesturalos con mundos literarios como a materia de Bretaña. Na Idade Media retratada polo mestre Harold Foster no Príncipe Valiente hai espazo para o rei Arturo e Camelot, ao carón de algúns elementos reais como Atila ou os vikingos. En España é imposible non pensar en clásicos coma o Capitán Trueno ou El Jabato (tamén dentro do contexto contra Roma no que se move Astérix aínda que decantándose máis cara a aventura estilo Foster que o humor).

Paixón pola documentación + arqueoloxía local

Máis aló do recurso da Historia como aventura, nos últimos anos o emprego de documentación específica e o interese polas descubertas arqueolóxicas van abrindo novas perspectivas coas neanderthalque amosar ese pasado. Temos dende a proposta de Neanderthal, obra na que a trama non abandona a acción e a clásica viaxe iniciática mais tamén destaca a obsesión persoal do autor pola veracidade. Deste xeito engade imaxes interesantes como a da complexa elaboración das pezas de sílex.

A colaboración entre institucións coma os museos e os autores de cómic é outra vertente, na que se intenta divulgar a historia sen perder o interese nos guións. En La Isla de las Piedras, Max, Pau e Marc Ferré colaboraron co Museu Arqueològic de Son Fornés para explorar o pasado dos habitantes das Illas Baleares, a través dos seus costumes funerarios ou a comunicación entre diferentes culturas.

Pero das propostas máis recentes destacaría a do proxecto da escavación da Torre dos Mouros (Lira, Carnota), alá polo ano 2012. Por aquel entón, a través das redes sociais creouse unha iniciativa na que arqueólogos, xornalistas e cidadáns de a pé colaboraron no proceso de investigación e difusión. Entre as iniciativas contouse coa elaboración dunha BD para achegar as descubertas máis relevantes daquela campaña e que frutificou no cómic A Torre dos Mouros, de Manel Cráneo.mouros

É unha historia curta moi ben enfiada coas posibles hipóteses vinculadas ao xacemento  e que demostrou as posibilidades deste medio para a divulgación científica, sobre todo no mundo da arqueoloxía, onde as memorias son densas e ás veces chegan ao público anos despois de terse rematado a campaña. E ao final, xa sexa dende a perspectiva humorística de Astérix, a da aventura con anacronismos ou as historias ben documentadas, se queredes saber de onde vimos e a onde vamos collede un cómic: sempre hai algunha historia nova que aprender nas viñetas.