Quo vadis, Astérix?

quovadisCando sae un libro agardado con gran expectativa e que ten para min un valor sentimental sufro certo tipo de bloqueo que me leva a telo no andel e non ser quen de abrilo, hai unha resistencia inexplicábel a devoralo, que é o que en principio un pensaría que vai facer. O novo Astérix levaba no lar xa uns días, e eu sufría ese bloqueo, claro, un é algo purista, o meu primeiro cómic foi O Escudo Arverno, e nestas cousas sempre me costa afacerme á idea de que alguén vai continuar unha obra mítica. Os libros de Goscinny e Uderzo son obras mestras, tanto, que a fama que acadou nesa primeira etapa do personaxe mesmo sobreviviu á segunda etapa, esa que Uderzo emprendeu en solitario e que levou o mesmo camiño que o dun kamikaze, a medida que ía facendo libros víase máis preto a catástrofe.

O primeiro libro con novos autores, Astérix e os Pictos, non entrará na listaxe dos máis memorables da serie, foi un libro de transición, o primeiro que non foi feito por ningún dos dous creadores, a min en xeral pareceume frouxo, mais entendo que a responsabilidade fixo pertinente a falta de risco na historia, digamos que foi unha posta o día, coma un quecemento dos novos autores.

Neste outono chegou o segundo álbum da nova etapa cunha campaña de lanzamento que ven dende ben atrás, xa hai meses que ían publicando detalles do que podiamos agardar.

AsterixPapiroCesarImagen3O primeiro, claro, é a capa, que segue unha liña continuísta e conservadora, ben resolta e pulcra, elegante, está ben claro que Conrad tenlle ben collido o xeito (polo menos nas portadas). O debuxo de Conrad é case perfecto, pero aínda así hai algúns pequenos detalles, as caras de Astérix parecen en moitas ocasións a mesma, algo falla na expresividade do pequeno galo, quizais un abuso das caras de sorpresa ou dos ollos abertos coma pratos, mais si algo se pode cualificar de notable é o debuxo que non desmerece en nada o traballo de Uderzo, un debuxante excelente que probablemente veu algo devorada a súa xenialidade e versatilidade polo éxito inmenso de Astérix.

O guión merece caso aparte, Ferri domina o personaxe, estudou milimétricamente as historietas dos galos, de seguro é un gran admirador dos seus predecesores, pero amiguiño, ser quen de calcar un personaxe non é suficiente nunha franquía desta importancia. Xa dixen que o anterior álbum non me entusiasmou, pareceume frouxo no desenvolvemento da historia, e neste segundo repiteuse esa sensación de partir para non chegar a ningures, para min, foi unha decepción, non fun quen de engancharme en ningún momento, a lectura converteuse nun acto de vontade non nun divertimento, ten gags que funcionan, si, pero sen chegar a ligar completamente entre eles, da a sensación de que vai a tropezóns, a premisa prometía unha historia épica de labazadas, riscos e emoción, pero finalmente queda nun intento que vai perdendo interese a medida que avanza.

A suposta crítica da que versa o libro, á sociedade da información, é unha sucesión de gags que son en si unha repetición, está claro que o guionista domina os recursos habituais da serie (as adaptacións dos nomes, o encontro cos piratas, as discusións na aldea) e ata parece que os mete sen moita xustificación e abusa do recurso da chiscadela anacrónica.

Goscinny sempre manexou con arte de malabarista o equilibrio entre Astérix e Obélix, intelixencia e forza bruta, astucia e inocencia, en troques Ferri atóase nesta relación que simplifica e reduce a un Astérix intelixente e un Obélix estúpido, para min un dos grandes fallos de Ferri.

Asterix36-metropoles-delirantesA sombra de Goscinny é demasiado longa, ou quen sabe, mesmo os editores franceses impoñen o camiño con man de ferro e o guionista só pode xuntar os vimbios que lle dan e facer o mellor cesto posible. A dupla de novos autores é de sobrada valía e aínda que parece que lles está a custar máis do que quixeran, de certo que acabarán por dar co xeito de facer o seu Astérix, mais que ata que consigan atopalo, Astérix vai dando tombos sen moita sorte.

A edición de Xerais é impecable, respectando o formato tradicional, cun papel digno e ben impreso e cunha tradución perfecta e deliciosa que da a sensación que ata mellora ao orixinal nalgúns momentos, hai que lles agradecer  a Xavier Senín e Isabel Soto, os tradutores, o excelente labor feito e a editora que aposte por traducir ó galego esta obra nun momento no que o noso idioma está en horas moi baixas.

Unha reflexión sobre “Quo vadis, Astérix?

  1. Pingback: Bitacoras.com

Os comentarios están pechados.