Xornalistas baixo os focos das viñetas

Un dos intres que máis se recordan do filme Kill Bill de Tarantino é o monólogo de Carradine sobre Superman e a súa identidade secreta como visión crítica dos habitantes da Terra. Arriscándonos coa metáfora poderiamos dicir que o kriptoniano tamén sufriu de certo Síndrome de Estocolmo ao deixarse levar polo idealismo humano, escollendo o xornalismo coma traballo. E non só como un medio para obter información de primeira man senón tamén pola visión romántica da procura da verdade.metropoles01

Reporteiros, redactores, editores e demais membros do mundo da comunica
ción apareceron de xeito regular dende os inicios do cómic, sendo a ferramenta perfecta para achegarse á
realidade social, política ou, simplemente, empregalos como escusa para a aventura cara lugares exóticos.

Cada historia ten un prezo

A vida dun xornalista non é sinxela e aínda se complica máis se ten que salvar o mundo (ou Metrópolis / Nova York) cada día. Con máis de setenta anos ás costas, as historias de Superman, Lois e o resto da redacción do Daily Planet son un bo compendio do mellor e o peor da profesión, evolucionando dende a inocencia dos primeiros tempos até o cinismo do sensacionalismo, a procura do espectáculo en detrimento dos feitos e a chegada do xornalismo dixital.

O outro referente clásico é Spiderman, representante dunha peza clave da industria da información coma é o fotoxornalismo: o seu traballo segue a máxima de Capa –‘se a foto non é boa non estabas preto abondo’– mentres malvive do seu mísero soldo. Aínda así, se o mirásemos cun ollo crítico, as súas responsabilidades na loita contra o crime non casan ben cos códigos deontolóxicos (de feito, cando revela a súa identidade ten que asumir varias demandas por fraude, despois de décadas cobrando por imaxes sobre el mesmo).

¿E que pasa cos xornalistas sen superpoderes dentro do universo Marvel/DC? Teñen que apandar cos desastres que os heroes deixan tras de si, sen esquecer as noticias cotiás como a corrupción. Aí está Ben Urich, loitador incansable contra o imperio de Kingpin, leal ás súas metropoles02fontes de información, pero afectado pola presión que o leva cara o alcoholismo. Poucos cartos, ameazas, problemas de saúde, estres ou incluso ser transportado a outro plano da realidade son algunhas das consecuencias por intentar conseguir a mellor historia (que llo digan a Manoli Wetherell e Neil Conan, aquela parella de reporteiros que cubriron de xeito brillante a trama da Caída dos Mutantes da Patrulla-X).

As sombras do cuarto poder

Deixando a un lado os superheroes, o cine negro, os relatos pulp e obras coma The Spirit crearon a imaxe do redactor con caderno e a etiqueta “press” apegada ao fedora, perseguindo a alcaldes e sucesos macabros. Outras personaxes coma Brenda Starr (aínda que a compoñente romántica pesaba máis nas súas tiras), comezaron a amosar as dificultades das mulleres para traballar neste contexto.

Pero sen dúbida a personaxe icónica é a de Tintín, o que mellor soubo empregar a profesión para a aventura e o misterio. No seu álbum debut, coa visita á Rusia stalinista —tendo sempre en conta que está moi marcado polo contexto histórico-político dos anos anteriores á II GM— ofrécenos imaxes interesantes sobre a reacción das ditaduras contra a prensa mais tamén a labor propagandística que esta pode ter.

Se falamos da cara máis escura da profesión, é imprescindible consultar a Alan Moore: o papel dos medios aparece tratado en varias das súas obras, nas que o cuarto poder manipula e é manipulado. En Watchmen destacan a multitude de formatos empregados para o relato, con entrevistas e anacos de noticias que compoñen un xogo de espellos narrativo ao estilo Rashomon: hai múltiples versións que se van completando ou contradicindo, amosando como os medios de comunicación son case sempre un narrador non fiable. Pero tamén é o medio empregado por Rorschach como último recurso para facer chegar a verdade ao público. En V de Vendetta, Moore retoma o papel dos medios coma un dos elementos clave do sistema metropoles03para a opresión, modificando a realidade para axeitala aos seus intereses. Situacións non moi afastadas do que se pode observar hoxe en día con certos medios públicos.

Malia as relacións non sempre éticas co poder, os xornalistas tamén escriben as verdades que ninguén quere escoitar, aínda que sexa seguindo os métodos de Spider Jerusalem. Bebendo do estilo gonzo popularizado por Hunter S.Thompson, os textos de Transmetropolitan amosan a un redactor cyberpunk que fala da profesión como unha arma: “Ten unha bala, pero se a empregas ben podes furarlle un xeonllo ao mundo”.

O novo xornalismo e o compromiso social

Coa chegada das novas perspectivas do comix underground, as historias persoais, sexan biográficas ou imaxinadas, abrollan en múltiples estilos axudando a fornecer o terreo para achegarse á realidade con outras perspectivas. Co paso das décadas, os xornalistas deixarán de ser só elementos de ficción para aproveitar a linguaxe da BD e transmitir as súas experiencias nun mundo que se move cada vez máis axiña.

Na obra de Joe Sacco podemos seguir o complexo proceso de elaboración dunha reportaxe: a documentación, o traballo de campo, o contacto coas fontes e a necesidade de amosar tódalas caras dunha mesma historia (gústennos ou non as palabras ou ideas da persoa entrevistada). Todo isto sen esquecer o papel social que debería xogar o xornalismo —fomentar a capacidade crítica dos lectores, a procura das historias que son ignoradas pola sobredose de información na que afogamos día a día— e que tan difícil é de atopar na actualidade. Por outra banda é un autor con interesantes reflexións sobre o cómic e a obxectividade / neutralidade ou que pesa máis no seu traballo, se a parte xornalística ou a artística.

Se antes falabamos de Peter Parker e o papel do fotoxornalismo, tamén habería que destacar o vínculo destes profesionais co cómic. As súas imaxes e punto de vista poden cambiar a percepción das audiencias sobre un determinado tema, sendo a sociedade na que vivimos metropoles04fundamentalmente audiovisual. Neste aspecto é imposible non facer mención a El Fotógrafo, no que as imaxes reais, os debuxos e a narración se complementan á perfección. Os retratos de Didiér Lefèvre falan dese Afganistán descoñecido que ao final deu forma ao mundo que vivimos hoxe pero tamén compoñen unha reportaxe perfecta: as fotografías funcionan tanto de xeito individual coma en conxunto.

A relación entre xornalismo e cómic é un camiño de dobre vía, do que xornais, revistas e webs se aproveitan para atopar novas formas de expresión coas que captar lectores. É unha relación que ven de lonxe (xa no século XIX, en publicacións coma o Illustrated London News había novas narradas cunha sucesión de imaxes) e que volve a rexurdir cada certo tempo.

Nos últimos anos houbo portadas de xornais en formato cómic, entrevistas ou reportaxes enmetropoles05 viñetas –empregadas sobre todo nos medios ingleses e americanos, ás veces baixo o termo Graphic Journalism—, ampliando as fronteiras sobre como abordar a actualidade. Tamén se crearon cabeceiras innovadoras coma La Revue Desinée, na que xornalistas e debuxantes colaboran para ofrecer reportaxes, crónicas ou documentais, que confirman as posibilidades da BD para a análise en profundidade.

Os xornalistas son personaxes atractivos para o cómic e podemos atopalos de ficción e de
carne e óso, corruptos, insubornables, cínicos, sensacionalistas ou idealistas incurables: un espello debuxado dunha profesión querida e odiada a partes iguais, mentres enfía relatos aos que nós (como lectores/audiencias /consumidores) poñemos final.