Recomendacións de bd para o Apalpador (I)

Comezamos con este unha serie de artigos nos que recomendaremos algunhas das bedes publicadas neste ano que nos parecen máis interesantes e que tendo en conta que estamos no mes do apalpador son un excelente agasallo. Podedes atopar os enderezos das tendas especializadas en BD na Galiza aquí.

antares-leo-metropoles-delirantesAntares – Leo.

Antares é o terceiro libro, tras Aldebarán e Betelgueuse, dunha das sagas de ciencia ficción máis interesantes da bd europea dos últimos anos que aquí publicase nun integral que recolle os seis volumes coa nova obra do brasileiro Leo.

Nesta ocasión a acción transcorre no planeta Antares, que a corporación Forward Enterprises quere colonizar, o planeta está habitado por unha fauna de exóticas e perigosas criaturas, a intervención de Kim Keller, a heroína dos ciclos anteriores, é imprescindible para acadar os resultados que agardan os directivos da corporación. Pero rapidamente a expedición tórnase en pesadelo e así dá comezo unha aventura chea de intriga, emoción e ritmo.

Aqui-metropoles-delirantesAquí – Richard McGuire.

Di Gerardo Vilches nun artigo que é posibel “que non haxa autor de cómic máis influínte con menos páxinas debuxadas”, e ten razón. O xérmolo deste libro foi unha historia en seis páxinas, publicada no número 9 da revista Raw, un experimento narrativo e gráfico innovador que marca un antes e un despois na novena arte.

Agora publicase un libro que amplía a 300 páxinas aquel experimento do primixenio Aquí, e conta a historia de todo o que sucedeu nun recuncho dunha habitación ao longo de centos de miles de anos.

Este libro non conta unha historia, digamos normal, senón que presenta fragmentos de moitas historias diferentes, flash-backs e flash-forwards, en ocasións cadros únicos ou durante tres ou catro viñetas, no que seguimos a acción. O verdadeiro protagonista é o tempo, tan sinxelo e interesante coma complexo.

Balada-del-norte-metropoles-delirantesLa balada del norte – Alfonso Zapico.

Hai episodios da historia recente que poucas veces son tratados, a revolución asturiana do 34, é un deses episodios e Alfonso Zapico, na súa dobre condición de autor sempre comprometido e de asturiano nada en zona mineira, atrévese a contar unha historia que afonda no clima social e político que levou á revolución mineira.

Utilizando as figuras de dous personaxes contrapostos na súa condición vital, Apolonio, mineiro carismático e respectado polos compañeiros e Tristán, señorito e fillo do cacique, o marqués de Montecorvo.

Atila-Castelao-metropoles-delirantesAtila (Castelao) – Iván e Inacio.

En Febreiro de 1938, en plena Guerra Civil mentres Barcelona é bombardeada, Castelao concede unha entrevista á xornalista e dramaturga Magda Donato (publicada no magacín Mi Revista nº 32), e mentres percorren as rúas da cidade, a súa conversa é interrompida polo bombardeo da aviación fascista italiana, no refuxio antiaéreo saen a relucir anécdotas e historias da nenez, e reflexións sobre as súas obras Galicia mártir e Atila en Galicia.

Cuarto tomo da biografía de Castelao que publica Demo editorial e que está previsto acade os oito números.