Recomendacións de bd para o Apalpador (III)

The-Fiction-001-A-Main-Cover-metropoles-delirantesThe Fiction – David Rubín e Curt Pires.

Esta é a primeira serie propia do ourensán Rubín no país dos superherois, David pon aquí os seus lápises ó servizo da historia creada polo guionista Curt Pires.

The Fiction móvese entre mundos ficticios e o mundo real,  un grupo de catro cativos que ao ler libros no sobrado da casa, transpórtanse ata os mundos de ficción que len, ata que un deles desaparece. Quince anos despois, e sendo xa adulto, desaparece outro daqueles cativos cando reaparece un deses libros, os dous amigos que quedan tentarán buscalo, pero non serán as cousas tan sinxelas como parecen.

O libro ten unha estrutura narrativa non lineal aproveitando así tódalas posibilidades do medio para ir adiante e atrás no tempo e un debuxo no que o galego volve a amosar a súa habilidade para a narrativa gráfica, nunha historia que está feita a medida do seu estilo.

garcia-metropoles-delirantesGarcia (vol 1 ) – Santiago Garcia e Luís Bustos.

Un super axente secreto franquista, que esperta na actualidade despois de anos crioxenizado. O escenario actual é incomprensible para el: o caudillo morreu, os dous grandes partidos pactan unha coalición para manterse no poder e a esquerda ten secuestrada á candidata do partido da dereita.

Santiago Garcia, recente premio nacional de cómic xunto a Javier Olivares por Las Meninas, aproveita a premisa para abordar con humor e chiscadelas indisimuladas por todas partes o choque da España franquista coa actual. Bustos aplicase con pericia no debuxo e na composición reafirmándose coma un excelente autor (como xa demostrou nos seus anteriores traballos Endurance e Versus, sobre todo nos momentos de acción, que hai a moreas. Nos flashbacks aproveitan maxistralmente o traballo previo de Fontdevila, que foi o primeiro debuxante da historia aínda que a deixou a media faena.

Haberá que agardar ó segundo tomo deste heroe españolazo pero sen dúbida este é un dos libros que creou máis expectación no ano.

La-casa-Paco-Roca-metropoles-delirantesLa casa – Paco Roca.

De certo que Paco Roca é o autor español que máis vende dentro e fora do estado e probablemente o máis coñecido fora do circulo máis fiel á banda deseñada. Agora ven de saír do prelo, neste mesmo mes de Nadal, La casa o seu novo libro no que conta a historia de tres irmáns, que despois da morte do pai teñen que afrontar os asuntos legais e atópanse cunha casa familiar que pretenden vender, pero que remata por espertar recordos os que se enfrontar.

O propio autor recoñeceu que este libro ten momentos autobiográficos, aínda que Roca recoñece que “nós non vendémola casa, é máis, pasei alí os dos últimos veráns para crear esta obra, porque só podía debuxala alí”.

Unha vez máis Roca aborda a temática social, unha das constantes da súa obra e de seguro será quen de facernos reflexionar sobre as nosas vidas, o paso tempo e a importancia dos nosos pais nas nosas vidas.

Oceano-de-amor-metropoles-delirantesUn Océano de amor – Lupano e Panaccione.

Case un manifesto ecoloxista que ten humor e costumbrismo, mais tamén a épica dun viaxe a través del mar. Unha novela gráfica muda e chea de sensibilidade que nos conta a historia de amor de Monsieur e María, un matrimonio xa maior que vive nunha pequena vila pesqueira. Una mañán o barco de Monsieur é abordado por un xigantesco barco cisterna, despois de días agardando María decide partir na procura do seu marido e así comeza unha perigosa aventura polo océano.

Esta obra ben podería ser unha historia escoitada na nosa terra, unha morea sentimentos e a forza dunha muller capaz de mover montañas.

Wilfrid Lupano e Grégory Panaccione narran con mestría esta historia muda só cun maxistral guión e un debuxo que non so é delicioso senón que fai prescindible o texto. Esta marabillosa obra foi gañadora do premio Fnac Francia 2015 e vendeu máis de 50.000 exemplares.

Rituales-metropoles-delirantesRituales – Ávaro Ortiz.

Álvaro é un dos grandes narradores da bd estatal e en Rituales amosa a evolución do autor inquedo, do que busca novos xeitos de contar historias, nesta obra proponnos un universo de historias curtas que van das dúas ás dez páxinas, coas que non segue unha narrativa lineal e vai do pasado ao presente, pasa polo autobiográfico e ata se atreve co esotérico.

As historias son independentes e como as pezas dun crebacabezas, o autor,  vai facendo que encaixen para completar ou enriquecerse unhas a outras. Historias de paradoxos e misterios que teñen un elemento común, un tótem de formas exaxeradas que inflúe en todos os personaxes.

Todo este universo, Álvaro retrátao cun estilo de debuxo persoalísimo, enganosamente sinxelo e disimuladamente perfeccionista completado cunha agradábel paleta de cores amables que disimulan a sordidez dalgúns momentos.