Cando o Western e a BD cabalgan xuntos

Hai certas épocas que forman parte do noso imaxinario colectivo, con escenas e protagonistas que aparecen na nosa cabeza con só escoitar unha palabra. Un deses momentos inabarcables é o século XIX norteamericano e a palabra clave, o Western. Este xénero está enraizado na nosa educación sentimental / visual –persoalmente bótolle a culpa ós planos de Ford, á música de Morricone e ó rostro de Charles Bronson—, sendo o cómic un medio que soubo captar a liberdade, o perigo e as paisaxes sometidas ás cores do deserto.

Mais as viñetas situadas neste contexto histórico falan ademais dunhas circunstancias concretas: o final dun xeito de vida nos Estados Unidos e a chegada da “civilización” (dito isto cunhas comiñas moi, moi grandes). E mentres se dan os primeiros pasos para a brutal modernización do país, nas páxinas camiñan historias que podemos analizar dende múltiples perspectivas.

A paisaxe e o (anti)heroe solitario

Se hai unha protagonista ineludible no Western, esa é a paisaxe: o seu peso na composición convértea nunha personaxe máis que vai moldeando a tódolos individuos que a atravesan. Xa sexa da man de Giraud ou Palacios, os debuxos son quen de facernos sentir a calor, o pó e a beleza dos espazos abertos ou a opresión do Canón do Antílope. Pero tamén é un mundo que agroma arredor do ferrocarril, as cárceres, os pobos mexicanos e as cidades (coa omnipresencia do saloon coma centro sobre o que pivotan boa parte das tramas, tan ben retratado polo trazo de Boucq en Bouncer).western01

Nesta particular xeografía móvense os protagonistas, que durante a primeira etapa do xénero —entre os anos trinta e cincuenta—, popularizaron múltiples cabeceiras con distinta sorte. Entre todas elas destacaron Ringo Kid, El llanero solitario (dando o salto dende un serial radiofónico) ou Two Gun Kid, cun Kirby que volvía demostrar o seu poderío visual para as escenas de acción. Case sempre eran individuos acusados falsamente dalgún delito e durante a súa fuxida aproveitaban para impartir xustiza ó seu xeito.

A partir dos sesenta a influencia do cinema, xunto cos cambios sociais e políticos fan necesaria a reelaboración das súas personalidades: xa non hai lugar para o optimismo e os bos non sempre ganan a batalla. Seguen sendo personaxes errantes pero as historias son moito máis duras e violentas. Deixan de ser un modelo de conduta para os rapaces preferindo amosar a complexidade interior dos homes e mulleres que habitaban un territorio difícil; só sobrevivían os máis fortes, sen importar o que fora preciso facer para conseguilo.western02

O mellor representante deste novo antiheroe é Mike Donovan, mellor coñecido coma Blueberry. O seu rostro prestado de Jean-Paul Belmondo é o reflexo dos sucos que provoca o bailar sempre no fío da navalla: apegado ós problemas, soldado intelixente e leal, ten o privilexio de ser un dous poucos personaxes de cómic que foi envellecendo nas viñetas.

O perigoso mundo da fronteira

Deixando a un lado ós protagonistas, o Salvaxe Oeste aparece na bd como un lugar de colisión (entre individuos, culturas ou estados) que a lei tardaría moitas décadas en someter. Son encontros case sempre violentos que podemos observar a través de dúas vías:

  • As fronteiras físicas: No século XIX continúa o longo período de formación dos Estados Unidos e a expansión das súas fronteiras supuxo un inevitable enfrontamento tanto con países veciños como cos indíxenas. México está sempre presente neste imaxinario: en volumes como Balada por un Ataúd atopamos referencias ó imperio de Maximiliano ou a Juárez. Noutras obras como Los Gringos, de Víctor de la Fuente e Jean-Michel Charlier entramos de cheo na Revolución protagonizada por Madero, Zapata ou Villa, xunto coa participación de estadounidenses que viron unha oportunidade de negocio. Sen esquecer western07por suposto as miradas filosóficas como a de Cuttlas, que aborda —moitas veces sen necesidade de texto— o absurdo destes conflitos.
  • As fronteiras morais: Unha das características dos mitos fundacionais dos EEUU é a admiración polos que desafiaron ás normas durante o século XIX. Ladróns, pistoleiros, xogadores ou cazarrecompensas son referentes ineludibles pero co paso das décadas pasan de ser a némesis perfecta do sheriff a uns individuos cheos de claroscuros: nin tódolos pistoleiros son os malos da historia nin tódalas figuras de autoridade son magnánimas. Entre eles atopamos a Wanted, sempre preocupado polos cartos pero que tampouco fuxe de axudar a quen o precisa. Estas dúas caras da moeda teñen unha perspectiva diferente dende o humor, como na eterna loita entre os irmáns Dalton e Lucky Luke.

Unha sociedade en construción

Pero o Western ofrécenos moito máis que a posibilidade de achegarnos á interesante e complexa historia política dos Estados Unidos –a maioría das personaxes teñen unha vinculación clave coa guerra de Secesión, xa sexa como escravistas, desertores, unionistas…—. Tamén aborda diversos aspectos da súa historia social, dende os comezos do Ku Klux Klan no ambiente sureño de Jim Cuttlas ata a soidade do traballo da policía montada do Canadá en Trent.

Un dos temas máis abordados é a mestizaxe: nun país onde chocaban dúas culturas tan wester04diferentes como a estadounidense e a dos nativos americanos, moitos individuos remataron atrapados no medio. Os problemas de integración aparecen dun xeito secundario nas orixes de personaxes coma o citado Ringo Kid ata gañar forza en cómics coma os de Firehair nos anos setenta. Rexeitado por ambas partes, emprende unha viaxe para atopar o seu lugar, acompañado dalgunhas das viñetas máis expresivas de Joe Kubert. Noutras obras como a serie sobre Buddy Longway, a cultura india é retratada con minuciosidade escollendo o punto de vista dunha familia formada por un trampeiro e unha sioux.

¿E cal era o papel da muller dentro deste mundo eminentemente masculino? Nas primeiras publicacións houbo varias cabeceiras de corte romántico, dirixidas ó público feminino. Aínda así, nalgúns exemplares como Sheriff Sal comezaron a aparecer cuestións como a igualdade de xénero ó mesmo tempo que personaxes coma a formidable Lynn Cabot (do cómic Firehair, sen relación co de Kubert) aportaban ó western unha imaxe forte e loitadora mesturada cunha interesante visión positiva dos nativos americanos, xa nos anos corenta.western05

E do mesmo xeito ca no cinema, a muller que chega co ferrocarril para dar vida ó saloon –no prostíbulo ou no cabaret—, é un dos tipos favoritos: ligada sempre ós baixos fondos pero intelixente e decidida. Así atopamos figuras como a de Chihuahua Pearl, unha supervivente herdeira da Jill McBain de Hasta que llegó su hora. Por outra banda, nos últimos anos publicáronse biografías que abordan nomes case míticos: La azarosa vida de la llamada Calamity Jane, presenta tódalas facetas que se podían ter no Oeste (sempre cambiando, sempre cara adiante) dende as súas experiencias como exploradora ata os espectáculos de Buffalo Bill, que recreaban un mundo que xa non existía.

A chamada da imaxinación

A carón das fronteiras narrativas das que xa falamos poderiamos engadir unha última: a liña entre o real e o imaxinado. O universo do Afastado Oeste aínda mantén o seu atractivo no mundo dos soños (todos fomos algunha vez coma Little Nemo in Slumberland, rodeados de frechas no noso maxín), sendo un contexto que se presta para que o cómic experimente coa fantasía.western06

Un dos mellores exemplos desta posibilidade é o traballo de Emma Ríos e Kelly Sue DeConnick en Pretty Deadly. Non só é abraiante polas composicións de páxina ou a cor: na trama constrúese un fermoso retrato da fráxil separación entre a vida e morte, e os perigosos habitantes que moran nela. Hai lugar para relatos de cego, vinganzas que desafían o paso do tempo, persecucións polo deserto e un guión poético que arroupan a fascinante historia de Deathface Ginny, xa convertida nunha icona da bd.

A innovación presente nestas obras actuais, xunto coa expectación ante futuras publicacións coma L’odeur des garçons affamés —de Frederik Peeters e Loo Hui Phang, prevista para abril deste ano— confirman a boa saúde do western no cómic e que aínda quedan moitas fronteiras por atravesar.