Quilombo en Angoulême

Angouleme-metropoles-delirantesAínda cáseque non encertamos o ano e xa temos quilombo no mundo da BD, desta volta na aparentemente impecable e envexada bd francesa. O Festival de Angoulême publicou hai uns días a lista de nomeados ao Grand Prix deste ano, unha trintena de autores e… ningunha muller na lista.

A primeira do ano e máis importante cita da BD en Europa, a celebrar a finais do mes de xaneiro, será a cuadraseximo terceira edición, e nestas corenta e tres citas só houbo unha gañadora do Grand Prix do festival, Florence Cestac.

O Colectivo de Creadoras de Cómic francés, reaccionou chamando ao boicot e puxo enriba da mesa unha bomba de reloxería que o festival non foi quen de desactivar.

Axiña algúns dos pesos pesados da novena arte francesa reaccionaron, primeiro Riad Sattouf, autor que escribía un comunicado renunciando a súa candidatura logo seguiron o exemplo nomes tan importantes coma Daniel Clowes, Chris Ware, Charles Burns, Joann Sfar, Milo Manara ou Etienne Davodeau, entre outros.

O festival xa tiña o peor escenario posible a menos dun mes do evento, un chamamento ao boicot por parte das autoras e o apoio incondicional por parte dos autores, amais do eco en tódolos medios xeralistas do mundo, que non informan moito das cosas boas da bd , mais devecen por unha boa polémica.

A organización tivo a feliz idea de encargarlle ao cuñado de quenda un comunicado, este meteu no mesmo unha frase que de seguro encantou ao aldraxado colectivo feminino: “O Festival ama ás mulleres, mais non pode reescribir a historia”. (O comunicado aquí).

Non só non souberon desactivar a tempo a bomba, senón que decidiron que era boa idea botarlle gasolina por riba.

A segunda e (semella) improvisada medida que tomou a organización do festival foi incluír na lista de nomeados a seis autoras: Linda Barry, Julie Doucet, Moto Hagio, Chantar Montellier, Marjane Satrapi e Posy Simmond.

E dicir, si que había a quen nomear, pero…

A última hora é que a organización del Festival retráctase, retira a lista de nomeados e decide que sexan os autores e autoras os que decidan quen gaña o Grand Prix 2015, e deixa constancia de que os nomeados orixinais saíron dunha votación de 3000 autores, que entre os candidatos había mulleres, pero foron as menos votadas e non chegaron á lista final de trinta nomeados.

Chama a atención que nun país que (en xeral) temos coma un exemplo na BD, aínda pasen estas cousas, que un festival da importancia do de Angoulême falle estrepitosamente na xestión do problema e vaia dando tombos sen moito tino e que as propias autoras teñan que dar unha puñada na mesa para chamar a atención.

Evidentemente o Grand Prix non só é o gran recoñecemento do máis importante festival europeo, é amais un gran empuxe económico, pois como é lóxico nun premio de tal importancia, as vendas aumentan e a visibilidade nos medios tradicionais incrementase. É, xa que logo, unha grande axuda na carreira dun autor ou autora.

Hai moitas preguntas ao respecto deste asunto.

Reflexo da realidade? Sexismo? Despiste? Statu quo? Falocentrismo?

E só unha resposta, hai que cambiar xa.

P.S – E lembrade que veñen aí, o premio nacional (español) e o Saló de Barcelona.

Artigos moi interesantes do tema: