Asociación galega de estudos en Banda Deseñada

AGEBDNa Galiza seguimos a movernos, para acadar espazos importantes para un serctor no que somos unha potencia, a BD, e traemos aquí unha iniciativa ben necesaria e aberta a todas.

Mañán venres na libraría Linda Rama de Coruña, ás 20:30 teremos a primeira reunión para a creación dunha “Asociación galega de estudos en Banda Deseñada”.

Hai unha convocatoria no facebook cunha aproximación dos estatutos por si queredes ler e aportar.

Publicamos o texto da convocatoria escrito por Xulio Carballo.

A idea principal procede de xente que nos achegamos á Banda Deseñada Galega por medio do labor investigador, un eido que resulta necesario para o coñecemento e divulgación da BD, tanto a nivel galego, como estatal e internacional.

A carencia até o momento de grupos de investigación e de promoción da BD a través dos estamentos oficiais encargados de velar pola cultura no noso país fai necesario a creación dun modelo asociativo que promocione e dea visibilidade a esta arte precisamente nun territorio como o noso, exultante e prolífico en autores e obras de BD.

O que se pretende coa creación deste tipo de asociación serían varios puntos, ampliábeis todo o que sexa necesario e que así o consideren os futuros socios e participantes da mesma. Isto sería só, polo tanto, un pequeno punto de partida e que poderá ir variando segundo o progreso da mesma. A modo esquemático, algunhas das propostas de actividades serían as seguintes:

Creación de grupos de investigación en Banda Deseñada galega, estatal e internacional.
Organización periódica de charlas, encontros, debates ou seminarios, tanto de carácter específico para autores, editores, investigadores, como para un público máis xeral.
Publicación de textos teóricos dos grupos de investigación e/ou charlas e foros.
Promoción de obras, autores e todo o relacionado coa Banda Deseñada Galega.

Servir de enlace e “grupo de presión” a fin de reclamar unha maior implicación das institucións no estudo e na creación de BD. Servir así mesmo de enlace para a creación de actividades dirixidas a distintas comunidades como a educativa, por exemplo.

Organizar actividades que acheguen a BD a un público cada vez maior, “sacalo a rúa”.
Creación dun espazo físico onde se podan levar a cabo estas actividades e que sirva de punto de encontro de toda a comunidade. Neste espazo realizaríanse as charlas e foros, así como feiras de autoedición ou exposicións para que os autores dean a coñecer os seus traballos e así mesmo podan vendelo. Ademais contaría cunha biblioteca específica da BD.

Todas estas propostas estarán, como xa dixemos supeditadas ao que os socios decidan finalmente. Para cumprir estes obxectivos será necesaria a participación do maior número de persoas, en todos os niveis de implicación posíbeis, dende o socio “pasivo” até o traballo activo. A idea é comezar as reunións unha vez se teñan os suficientes contactos (metade decembro/xaneiro).