Tres miradas sobre o mundo árabe

Nas Metrópoles gústanos viaxar a través da BD, achegándonos coas viñetas a outros contextos afastados do noso entorno cotiá. Un deses destinos é a complexa realidade do mundo árabe que, xa sexa pola distancia xeográfica, os conflitos armados ou as dificultades idiomáticas moitas veces só nos chega desvirtuado a través dos medios de comunicación. Mais dende comezos deste século diversos autores e autoras comezaron a achegarnos testemuños de primeira man que vistos en perspectiva, tamén nos axudan a comprender as novas que invaden os xornais a diario.

Sen dúbida, un dos referentes é Marjane Satrapi, cuxa obra Persépolis forma parte dos nosos bd_árabe01imprescindibles. Con quince anos ás súas costas, este cómic segue mantendo a súa actualidade: a autora emprega a propia experiencia vital para falar da situación política que viviu no Irán dos anos oitenta. Dende a caída do Sha até a definitiva partida cara Francia, a narrativa de Satrapi converte a súa obra nunha boa opción para comezar a indagar nos contextos da zona.

Pero a súa traxectoria é moito máis que Persépolis: con obras coma Pollo con ciruelas —na que aborda con sensibilidade a crise existencial dun home atrapado— ou Bordados, —onde recupera personaxes entrañables como o da súa avoa para tratar nun ton desenfadado a situación da muller iraní— fálannos doutras circunstancias apartadas do impacto da guerra.

O peso das lembranzas para asomarse á historia

O emprego dos recordos de infancia como fío condutor das tramas é un recurso empregado bd_árabe02por outros autores coma Zeina Abirached ou Riad Sattouf. A primeira retratou o Beirut da súa xuventude en diversos cómics –El juego de las golondrinas ou Me acuerdo: Beirut—, onde o conflito asoma mais é empregado para que os protagonistas nos deixen entrar nas vidas e no día a día dos habitantes da capital libanesa.

Na súa obra máis recente, Le Piano Oriental, segue amosando o seu dominio da xeometría no debuxo mentres vai construíndo un relato cheo de música e poesía onde se mesturan as tradicións musicais de oriente e occidente. O contacto entre ambos mundos é unha constante nos seus cómics, amosándonos a fonda pegada que estas complexas relacións van deixando tras de sí.

Por outra banda, Sattouf móvese entre a Siria e a Libia dos anos 70-80 na serie Un árabe del futuro, onde retrata tamén o peso da herdanza franco-árabe, xunto con outros temas coma o racismo, a educación e as promesas e propaganda dos ditadores de cada territorio.

A loita contra a censura e as novas xeracións

Os autores dos que falamos ata agora viven ou pasan longas tempadas en Francia e as súas obras axúdannos a coñecer o pasado dos seus países de orixe e o choque cultural con occidente. ¿Mais que situación atopamos nos que traballan actualmente no Oriente Próximo? As circunstancias políticas dos últimos anos tiveron un grande impacto: dende a coñecida como Primavera Árabe ate a forza dos novos medios de comunicación (redes sociais, blogs…) pasando pola chegada de novas xeracións que atopan na BD o mellor xeito de expresarse e reflectir a realidade que os rodea.

bd_árabe03

Entre as dificultades coas que se atopan temos a presenza sempre constante da censura, en diferentes graos segundo o país do que se trate. El Paraíso de Zahra, publicado baixo pseudónimos, narra os últimos anos en Irán –concretamente tralas revoltas pola elección de Ahmadinejad— cunha historia sen medias tintas: o réxime somete á poboación a unha atmosfera de represión asfixiante. Tan impactante é a procura do protagonista como unha das reflexións finais sobre a fronteira entre historia e ficción: “querería que o cuestionases todo, non pola dúbida, senón pola verdade”.

Tamén no 2008, a publicación de Metro, de Magdy El-Shafee, onde denunciaba a política corrupta do entón presidente Mubarak, foi prohibida por “ofender a moralidade pública”.  Xunto estes relatos de denuncia, a censura tamén ataca a publicacións periódicas: un dos últimos casos foi o da revista Samandal, cuxos autores foron acusados de ofensas á relixión a finais de 2015.

O Cairo e Beirut son actualmente os dous polos principais sobre os que xiran as novas bd_árabe04tendencias, e os autores saben que teñen na creación a súa mellor arma, ofrecendo propostas moi diversas: dende accións en lugares públicos —como o emprego do cómic para a denuncia de agresións a mulleres no metro— a revistas e fanzines nas que destacan TokTok (Exipto), Lab619 (Túnez), Skef-kef (Marrocos) ou El Shakmagia, tamén en Exipto (e que destaca polo seu carácter feminista).

Tamén podemos atopar premios (como os que levan o nome de Mahmoud Kahil, un dos referentes históricos do cómic árabe) e convencións como a CairoComix, co obxectivo de desenvolver a industria, intercambiar ideas ou iniciativas. E por último podemos sinalar a publicación de antoloxías coma Muqtatafat, coa que se intenta achegar a estes autores ó ámbito anglosaxón.

A mirada occidental

As viñetas axúdannos a conectar con autores recoñecidos e novas voces a través das que nos chegan as distintas caras do mundo árabe. Mais para completar o crebacabezas é preciso deterse nunha serie de cómics que, con firmas occidentais, afondaron na súa realidade para amosar outras perspectivas sobre unha xeografía á que nos une unha relación estreita e complicada.

Cando falamos do papel do xornalismo nas viñetas xa fixemos referencia á obra El fotógrafo, unbd_árabe05 relato no que debuxos e fotografía mesturábanse para retratar o contexto afgano dos anos oitenta. O difícil traballo de Médicos sen Fronteiras, a cultura tribal e as inxerencias externas pesan sobre o protagonista, consciente do difícil que é para un estranxeiro comprender o día a día do país. É unha obra que se pode completar co Afganistán de Micheluzzi, traballo póstumo que aposta máis pola aventura e a acción, pero que retrata a implicación da URSS nun territorio convertido no taboleiro de xogos das grandes potencias enfrontadas na Guerra Fría.

Neste achegamento dende a mirada occidental predominan as historias en primeira persoa, onde podemos atopar cadernos de viaxes de todo tipo: dende a visión máis artística reflectida por Craig Thompson no seu Cuaderno de Viaje –onde recolle a súa impresión de Marrocos—ata a que aportou Guy Delisle nas súas Crónicas de Jerusalén, con espazo para o humor. No seu particular percorrido o autor canadense destaca certos elementos de contraste que ás veces se nos escapan, coma a importancia dos sons —coa inconfundible chamada á oración— pero tamén as situacións absurdas que se poden atopar nun espazo tan cheo de tensión coma é Israel. Por exemplo o momento no que describe un chekpoint no que se amorean militares, observadores da ONU, xornalistas á procura da fotografía do día, homes e mulleres que buscan pasar para rezar e vendedores de todo tipo conformando un cadro surrealista para os ollos profanos.

Pero sen dúbida unha das referencias ineludibles para coñecer a historia desa zona nos últimos vinte anos hai que falar do traballo de Joe Sacco en Palestina. En la franja de Gaza. As súas reportaxes gráficas trasladan ó lector non só a complexa labor do xornalista (e esa obxectividade imposible) senón tamén o ambiente asfixiante do lugar.bd_árabe06-metropoles-delirantes

Outros traballos coma El coche de Intisar inciden nas dificultades cotiás das mulleres (neste caso no Yemen) empregando como protagonista unha personaxe ficticia apoiada en entrevistas e anécdotas persoais, mentres publicacións coma Los mejores enemigos. Una historia de las relaciones entre Estados Unidos y Oriente Medio achéganse case ó ensaio, explorando as raizames desta relación que configurou parte do mundo no que vivimos hoxe.

Sexa a través das lembranzas de infancia, as vivencias actuais nos propios países árabes ou as visións externas, o cómic ofrécenos un retrato completo: cada obra axuda a conformar un grande mosaico de estilos e olladas no que cada peza é esencial e onde destaca o esforzo das novas xeracións, que loitan contra a censura ou as dificultades económicas para dar a coñecer o seu talento.