As lecturas do Sr B: Nankin, La ciudad en llamas

nankin-Metrópoles DelirantesAquí en español.

En occidente somos ben conscientes das barbaridades cometidas polas potencias do eixo europeas da Segunda Guerra Mundial, sobre todo polos nazis; o que non temos tan presente son as atrocidades do exercito xaponés, que invadiu aos seus veciños e impuxo, as mesmas políticas xenocidas que os nazis impuxeron en Europa.

Nankin, ciudad en llamas, é unha banda deseñada na que Ethan Young aborda un dos capítulos máis devastadores, e aínda hoxe controvertidos, da Segunda Guerra Mundial en Asia. Para facermonos unha idea da masacre cometida en Nankin, as cifras de mortos que se barallan polos historiadores rondan as 300.000 persoas.

A finais de 1937 o exercito imperial nipón conquista a cidade de Nankin, importante porto na beira do Yang-tse, e moitos soldados do exercito chinés, o kuomitang, quedan atrapados na cidade. Nesta situación están os dous protagonistas desta historia, un capitán e un soldado chineses, que deciden tentar chegar ata a zona segura da cidade, onde estaban refuxiados os estranxeiros. É a historia dunha fuxida que serve de pantalla ao autor para contar as atrocidades cometidas nesa cidade polos soldados imperiais, asasinatos de civís, violacións, roubos e saqueos. Mais outro dos episodios vergoñentos da humanidade, outro xenocidio.

Nankin02-Metrópoles DelirantesAo longo de duascentas páxinas transitamos polas ruínas da cidade e das forzas de defensa chinesas, pola barbarie da soldadesca e os mandos xaponeses, polas ruínas dunha cidade que non é, senón a cruel metáfora da ruína moral da guerra, do salvaxismo humano e da atrocidade e o terror coma arma.

O cómic está debuxado en branco e negro, con liñas claras e definidas, unha composición de páxina correcta, aínda que en absoluto novidosa ou arriscada, e un uso axeitado do claro-escuro e os grises, cun estilo gráfico que ten moito do manga realista, pero que ao mesmo tempo, usa unha narrativa habitual do cómic occidental, cun esquema de guión correcto, aínda que demasiado evidente, pero que en todo caso resolve ben a historia. Nesta mestura de forma oriental con estrutura narrativa occidental ten que ver que o autor, aínda que norteamericano, ten ascendencia chinesa.

Nankin03-Metrópoles DelirantesA edición de ECC é correcta, papel de calidade e sen brillo (grazas), ben resolta a impresión, aínda coa dificultade de ser un libro con moita masa de negro, e cunha encadernación de calidade. Amáis hai un pequeno apartado de “extras” no que podemos ver os bocexos previos e mesmo ler algún texto útil para ter un contexto da historia.

Un libro a cabalo entre as historias de superación e aventura e a denuncia da barbarie da guerra, e un prístino alegato antibelicista e antiimperialista no que semella que  Ethan Young, salda unha débeda histórica cos seus antepasados, probablemente vítimas pouco presentes no imaxinario colectivo occidental.