As lecturas do Sr B: Rituales

Rituales-Metrópoles DelirantesAquí en español.

Álvaro Ortiz é un deses autores que semella dominar o seu traballo sen esforzo, cousa que por suposto non é tal. Dotado dun sentido da narrativa excepcional, é quen de contalas historias mais cotiás e o mesmo tempo as máis tolas sen perdelo ritmo, ou aínda de melloralas co excelente manexo dos tempos que amosa, ademais mestura nas súas historias un humor soterrado que ten moito que ver co británico, capaz de brincar do macabro ó hilarante nun par de cadriños, pero sen perder nunca ese rictus de sobriedade e sutil e fina ironía. Hai ademais unha serie de constantes nas súas obras que amosan como de disparatado, e por iso precisamente, tan real é o seu universo, gatos, crimes sádicos, sexo, retratos de Hitler, e por riba de todo, moita imaxinación.

Agora sae do prelo ó seu terceiro libro, Rituales, e amosa a constante evolución dun autor inquedo, que busca formas novas de contar historias e que non queda ancorado nun esquema fixo que xa sabe que funciona, ao contrario, nesta obra dalle unha volta e propón un universo de historias curtas que se moven entre as dúas e as dez páxinas de temática dispar, coas que salta do pasado ata o presente e do autobiográfico ao esotérico coa facilidade e mestría coa que un bo barman fai un Tom Collins.

As historias son completamente independentes, mais funcionan como unha sorte de pequenas crónicas da modernidade. O fracaso persoal e vital do escritor que emigra ata Escandinavia na procura da fama dos autores nórdicos, os novos tempos do cibersexo e o tele traballo como webcamer erótica, o debuxante de cómics na procura de documentación nun viaxe que remata en misterio, o piso compartido e os segredos dos veciños. Historias que son tan reais que poderían ser ata unha mera invención, paradoxos e misterios que teñen un elemento común e inquedante, un tótem cun gran falo.

Rituales2-Metrópoles DelirantesTodo este universo variado, estraño e enigmático cobra vida nas páxinas de Álvaro cun estilo de debuxo (aparentemente) moi “naif”, nada agresivo pero cun gran dominio de liñas, formas e movemento. Un debuxo aparentemente sinxelo que oculta na súa beleza formal unha complexidade que existe e que o autor demostra na capacidade sintética do seu trazo. Todo está aí, aínda que non o pareza.

Mención aparte hai que facer da cor, un elemento imprescindible e tamén ben característico do zaragozano, cores agradables e sabiamente combinadas que ademais de aportar unha luminosidade marabillosa ás páxinas, é o instrumento co que o autor, sabiamente, alixeira a carga macabra dos momentos máis sórdidos.Rituales3-Metrópoles Delirantes

Outra das características que máis destacan é a composición, as páxinas son coma un crebacabezas, fuxindo de inventos en diagonal ou experimentos estraños de dubidoso gusto. Fai o traballo minucioso dun arquitecto para compoñer páxinas complexas cun festín de cadriños nun alarde de perfeccionismo.

Álvaro Ortiz é un deses artistas cunha sólida proposta gráfica e argumental, ben recoñecible xa dende o seu primeiro libro, o excelente cenizas, que non deixa de medrar creativa e formalmente.

Esta recensión foi publicada en xaneiro de 2016 na revista Tempos.