Os mil mundos da ciencia ficción

Partimos a pé cara un planeta máis alá / porque estamos máis que namorados da vida e do que somos, escribiu o gran Ray Bradbury nun dos seus poemas sobre a obsesión do ser humano polo descoñecido. Esa fascinación sobre o que supera as nosas fronteiras (xa sexan planetarias ou temporais), as posibilidades da tecnoloxía e a infinita variedade de consecuencias para a sociedade forman parte das raizames da ciencia ficción, un xénero sen límites tamén na banda deseñada.

Se no ámbito literario Verne ou H.G. Wells sentaron as súas bases no XIX, as publicacións pulpsciencefiction01 de comezos do XX supuxeron un antes e un despois para a ilustración e os cómics desta temática. Revistas coma Amazing Stories —con portadas que sempre paga a pena revisitar pola súa modernidade— ou Planet Comics, amosaron os perigos de viaxes interplanetarias e futuros distópicos. Nesta última publicación tamén destaca a presenza de pioneiras coma Fran Hooper, debuxando a Mysta of the Moon, unha protagonista feminina con amplos coñecementos científicos e cun papel activo que non se limitaba a agardar polo heroe.

Viaxes espaciais entre xornais

A relación coa prensa (a través de tiras diarias ou páxinas dominicais) foi vital nos primeiros anos do cómic de ciencia ficción, con Flash Gordon coma o exemplo máis representativo do impacto que podían ter as viñetas xa nos anos trinta. Entre as historias que desbordan unha complexa imaxinería de planetas e culturas diversas sobresae o traballo de Alex Raymond. Aínda así foi a etapa de Dan Barry cando se afondou no contexto científico do cómic (axudado por escritores e guionistas que dominaban o xénero, fornecendo as tramas de maior credibilidade).

Esta estreita relación cos xornais está presente noutras obras como Garth —na que se introducen as viaxes no tempo e as implicacións morais de alterar o pasado— ou Jeff Hawke – onde destacou o elemento dramático e a psicoloxía das personaxes sobre a acción, que predominaba noutras publicacións contemporáneas—.

A carreira espacial xurdida da Guerra Fría potenciou de xeito definitivo as historias situadas fóra da Terra, xunto coa xeración de películas de serie B dos anos cincuenta e sesenta. Neste contexto naceu Sky Masters of the Space Force, co gran Jack Kirby ó debuxo. Mentres que as obras anteriores falaban dun futuro hipotético, coas primeiras misións no espazo a realidade superara á ficción e era preciso un relato que falase dese novo contexto: o inimigo non eran razas alieníxenas senón os perigos da tecnoloxía, mentres que a procura de vida exterior facíase dende parámetros científicos. E por suposto destaca a orixinalidade de Kirby na composición das viñetas, ofrecendo propostas rompedoras para as clásicas tiras.sciencefiction02

De Space Operas, surrealismo e a loita pola supervivencia

A paixón por viaxar nas viñetas máis aló dos límites terrestres seguiu nas décadas posteriores, pero as perspectivas e temáticas foron ampliándose seguindo o ritmo dos cambios políticos e sociais. Así atopamos fascinantes space operas coma Valerian y Laureline, —na que os sciencefiction03protagonistas median en conflitos pola explotación dos recursos naturais ou as consecuencias da colonización— e revolucións gráficas encarnadas en revistas do nivel de Métal Hurlant. Da man de Moebius e Druillet comezou un novo xeito de abordar a ciencia ficción no ámbito francés, sobre todo despois da publicación de El Garaje Hermético, obra chea de diálogos complexos e imaxes surrealistas que seguen a inspirar ós autores actuais.

Pero este xénero é moito máis que a teima pola conquista do espazo exterior: os seus relatos ofrecen non só a posibilidade da especulación científica senón tamén a reflexión humana sobre os cambios que eses avances producen na nosa sociedade. O foco móvese da inmensidade do universo cara o noso planeta, onde esas historias derivan moitas veces en distopías escuras e delirantes con múltiples arestas.

É imposible non facer referencia a El Eternauta e a Juan Salvo, que vaga polo espazo-tempo e narra a súa loita persoal nun fascinante exercicio de metaficción. Na obra de Oesterheld e Solano López, o peso da primeira parte recae nun pequeno grupo de individuos, as súas relacións e as decisións a tomar para sobrevivir mentres se van dando detalles dunha invasión alieníxena.

Na versión máis violenta atopamos a personaxes coma o Juez Dredd, enleados nas rúas poeirentas de Mega-City, dominada pola forza dunha lei sen compaixón. Convertida nunha sátira do extremismo da xustiza e as políticas do momento, na serie aparecen o emprego de drogas diversas, o control constante da poboación ou a clonación, retratando os recunchos sciencefiction04máis escuros da ciencia e a tecnoloxía. Namentres, a cidade pechada e asfixiante transfórmase nun tren que nunca se detén en El Rompenieves, onde a humanidade intenta atravesar un inverno infinito sen esmorecer. Nun contexto post-apocalíptico, a loita de clases segue moi presente, ata que os últimos chanzos da xerarquía rematan por revelarse: así o protagonista vai sendo testemuña da miseria humana na súa fuxida cara adiante.

A imaxinación tecnolóxica e a dicotomía corpo / mente

Outro dos polos onde a ciencia ficción sempre amosa unha linguaxe renovadora e impactante é o manga xaponés. Osamu Tezuka foi un dos pioneiros nos anos cincuenta con Astroboy pero o verdadeiro boom xurdiu tres décadas despois grazas a retroalimentación entre literatura, cinema e cómic, mesturado tamén con novas tendencias coma o cyberpunk. No manga esta influencia deu lugar a un xénero propio coma o mecha, onde os robots enchen as viñetas no medio de mundos futuros de todo tipo.

Entre eles temos o Neo-Tokio de Katsushiro Otomo, o cal non só aproveita as lembranzas do ambiente de crise e conflitividade social da súa infancia senón que foi quen de adaptalo ó espírito dos oitenta e que a súa estética siga sendo actual no século XXI. Máis aló da súa reflexión sobre esa violencia ou a manipulación xenética, Otomo amosou unha imaxinación desbordante para todo o relacionado coa mecánica que aínda é un referente para os concept artist de filmes futuristas.

Nestes universos de extremos tecnolóxicos abrollan debates morais ou filosóficos, destacando o punto de contacto entre o ser humano e a máquina: os cyborg, androides e outras melloras que esborrallan as diferenzas entre ambos. ¿O que importa é a nosa conciencia ou o noso sciencefiction06corpo forma parte do que somos? Por exemplo, para a Maior Motoko Kusanaki do clásico Ghost in the Shell o seu corpo físico é un instrumento de traballo máis e polo tanto prescindible —o importante é protexer a súa mente dos ataques dos hackers—. Noutras obras coma Appleseed, entre as tramas preséntase de forma sutil o balance entre a natureza humana de Briareos e o seu corpo mecánico, botando de menos ás veces a súa forma física anterior.

Un futuro cheo de posibilidades

Dende o steampunk ate o retrofuturismo —en L’Histoire d’un monde truqué, Tardi e Legrand recollen os bosquexos que levaron á creación dun interesante filme de animación, mesturando á perfección o espírito de ambas tendencias—, a ciencia ficción actual non ten fronteiras, sendo un universo ó que sempre se retorna. Xa sexa con creacións complexas coma o de Destino Hergüss, con múltiples razas e desenvolvendo incluso unha linguaxe propia, ou afondando na necesidade de fuxir de implantes e alteracións xenéticas para sentir a liberdade dun pasado máis sinxelo, a visión de Frederik Peeters en Aama.sciencefiction07

E despois de ver a relación coa prensa, a importancia das revistas especializadas ou as novelas gráficas, o xénero segue a medrar nos novos formatos dixitais con proxectos como Panel Syndicate. Alí podemos atopar Universe!, unha orixinal serie na que Monteys non só fai unha  fascinante revisión a vellas ideas (a manipulación do pasado, as relacións afectivas cos robots) senón que o humor impregna os diálogos impedíndote virar as páxinas sen sorrir.

Cada día aparecen novas que van facendo realidade as ideas que tantos autores e guionistas foron trasladando ó cómic, pero neste caso a BD vai a miúdo un paso por diante: sempre hai marxe para novas ucronías e visións do futuro que seguirán alimentando a imaxinación dos científicos do presente.