Que sería da bd galega co apoio que merece?

Mañá comeza na capital Arxentina, Bos Aires, a cuadraxésimo segunda edición da feira do libro, na que terá protagonismo o libro e o sector editorial galegos, do 21 de abril ao 9 de maio de 2016. A representación galega inclúe 25 escritores do país.

A pesares de que a bd galega, pode fachendear de ter autoras e autores multipremiados, no estado e no estranxeiro, de ter un prestixio labrado a forza de traballo, dunha capacidade de convocatoria que supera cada ano e de cifras de vendas que amosan as claras que esta parte do libro non é menor, ningún autor, autora ou editora de banda deseñada galega estará en Bos Aires.

Si estarán na Arxentina os “guardinhas da literatura” que levan décadas vivindo do estado galego, da subvención ao seu persoalísimo e escuro club, dos favores devoltos, das edicións institucionais ou subvencionadas, de estar moi pegados aos que mandan en cada momento.

Unha decisión, moi discutible, como as que afectan a dotación de libros galegos nas bibliotecas e por riba de todo ás políticas lingüísticas, que parecen deseñadas por esa (lamentable) asociación de odiadores do galego. Aínda así, non podemos botarlle toda a culpa á política, pois unha parte do propio sector editorial está inmerso nunha terríbel dependencia institucional e da cultura “máis elitista”.

Non andamos tan sobrados de industrias culturais puxantes e coa saúde creativa que ten a bd galega, o que si andamos é sobrados de adalides da vella cultura, de sacrosantos próceres que deciden co seu dedo acusador que ou quenes son a cultura galega.

Si o sector literario galego está tocado dende hai anos, tal vez, só tal vez, estamos onde nos leva o auto odio.

Sr B.

2 reflexións sobre “Que sería da bd galega co apoio que merece?

  1. Soa

    Reflexión moi necesaria, sen dúbida, pero creo facer un par de puntualizacións.

    No tocante a esa xente e a esas institucións anquilosadas e vivindo da fama esa que criaron décadas atrás estou de acordo. Programas coma o zigzag (moi necesario por outra parte), pagados co diñeiro de tod@s, adican demasiado tempo aos artistas “consagrados”, creo que isto é obvio. Pero penso que sendo rigorosos hai que admitir a cousa non vai coa (contra) a bd. Acontece algo semellante na música, no cinema ou en calquera outra manifestación creativa. De feito dentro do mundo da novela por exemplo están sempre os mesmo autores, e déixanse sistematicamente fora a aqueles que non teñen o selo “Galicia Calidade” que polo visto si teñen Manolo ou Suso (Suso anda un pouco desaparecido, pero cando che dan o selo este, creo que é de por vida) ou a aqueles que resultan un chisco subversivos. Por outra banda tampouco creo que sea algo propio da coxuntura galega, está éche una cuestión global.

    A segunda observación é que non creo que en número de ventas a bd a día de hoxe se poida comparar, por exemplo, coa novela ou outros xéneros. Ou moito me trabuco, ou os números están aínda lonxe. No tocante á cualidade xa é outro cantar, e ai si se entende a carraxe, por iso digo que era necesaria a reflexión.

    Un saúdo!

  2. Sr B Autor do artigo

    Grazas por comentar.

    Estou bastante de acordo co que dis de que os artistas consagrados son os que lles interesan en xeral, e tampouco penso que sexa “contra a bd”, eu vexoo máis ben como mero descoñecemento ou desleixo, é decir, penso que esta situación é máis por omisión que por acción. E aínda que a situación na música ou o cinema tamén é para chorar, (para min) nin de lonxe teñen tan pouca atención dos medios e as institucións como a BD.

    Non quero afondar en nomes (só vou decir que o de Luis Tosar é para que o investigue alguén) e non penso que a (maioría da) xente que foi non teña méritos, só digo que na bd tamén os hai.

    E en canto aos números, penso que tampouco esta debe ser a razón principal para levar a un artista mais si comparamos os números de Emma Ríos, Rubín ou Cráneo (Os lobos de Moeche leva máis de 3000 exemplares vendidos) con algún novelista… Si, xa sei que non temos tantos supervendas como éstes dous, máis hai que ter en conta a capacidade publicitaria das editoras de BD, que non é a das editoras xeralistas.

    Un saúdo.

Os comentarios están pechados.