Ardalén por Ana García (Día das Letras Galegas 2016)

Ardalén-Metrópoles DelirantesAs lembranzas son un engano da nosa memoria, onde se mestura o que realmente aconteceu co que a nosa mente elixe gardar e, incluso, cousas que non sucederon nunca. Miguelanxo Prado publicou no 2012 este cómic onde reflexiona sobre o peso dos recordos mentres vai percorrendo anacos do noso pasado recente.

Na trama, Sabela Rego chega a un pequeno pobo nas montañas para intentar completar a historia do seu avó, ó que nunca chegou a coñecer salvo polos escasos obxectos que foi atesourando dende a infancia. Nesta procura crúzase con Fidel, un home cun mundo interior particular que pode (ou non) saber máis do que parece.

A forza das imaxes oníricas de Prado é innegable (case pode ulirse o arrecendo do vento que da nome á obra) pero son os retallos das vidas dos protagonistas os que merecen unha boa tarde de lectura. Ardalén é un relato sobre parte das nosas raizames e tamén o presente que nos arrodea: dende as historias orais da emigración —eses familiares que desapareceron nas Américas, esas odiseas reais de personaxes incribles que superan á ficción— ate os microcosmos das aldeas do interior, onde xa só quedan homes e mulleres que agardan a alguén ó que contar as súas experiencias.

Son memorias moi fráxiles que, como relata o autor, algúns decidiron esquecer (hai moita dor pechada nesas historias) e outros recuperar aínda que sexa nunha fuxida cara adiante. O proceso de investigación no que se converte o cómic complétase ademais con cartas, documentos e poemas que van ofrecendo pequenos detalles para completar o crebacabezas.

Ardalén é así unha obra na que se aborda a vellez con sensibilidade, sen esquecer a súa crueldade no que respecta á soidade e a néboa que enlea as lembranzas: un cómic para seguir buscando baleas nos bosques dun mundo rural que esmorece.

Recomendación de: Ana García. Historiadora e dIvulgadora de banda desenhada, escribe artigos ben xeitosos nas Metrópoles Delirantes.