As lecturas do Sr B: La Ficción

Aquí en español.

La ficción 1-David Rubín-Metrópoles Delirantes“A ficción de Pires e a realidade de Rubín”

“La ficción” é a historia de catro amigos da infancia, que descobren unha misteriosa caixa de libros que cando os len en voz alta poden transportalos ata outros mundos. A diversión faise pesadelo cando un deles desaparece, o resto dos rapaces xura non contar nunca o que pasou. Anos despois, un daqueles nenos, xa adulto, desaparece e os dous que quedan mobilízanse para que non se repita a historia.

Esta é a segunda incursión de Rubín no mercado norteamericano, despois da excelente saga “Aurora West” con Paul Pope e JT Petty, e desta volta, faino cun descoñecido (en Europa) guionista, Curt Pires, que plantexa unha historia a cabalo entre o real é o fantástico con continuos saltos no tempo que serve de exiguo andamiaxe para que o galego arme un palacete coa súa arquitectura gráfica.

Esta obra publicouse en catro números en Norteamérica, o que coñecemos por grampas, mais en España a editorial Astiberri recompilou todo nun so tomo que amais trae como extras sendos textos dos autores (o de Pires algo falto de humildade) e o máis importante un feixe de páxinas a lapis no que Rubín amosa “os seus trucos” de “mago de nivel 20”.

La ficción 2-David Rubín-Metrópoles DelirantesHai debuxantes que teñen a capacidade dun cirurxán de garda en urxencias para sandar un libro, aplican con mestría e rápido diagnóstico os coñecementos que teñen para salvar ó doente, e de feito, cunha boa dose de vitaminas, ata conseguen non só que saia da cama senón que gañe unha maratón.

Quizaís nun intento de facer do lector parte activa da historia, o guión de La ficción é (para o noso entender) demasiado críptico, complexo, e por veces, desamañado; é aí precisamente, onde os lápises do noso compatriota, a modo de vitamina c, danlle un empurrón ao libro e aos lectores. Boas páxinas, ben debuxadas e sobre todo ben compostas, que facilitan o tránsito polos mundos oníricos e as veces terroríficos de La ficción.

Si dalgún autor de tebeos do país temos ganas de ver unha serie potente nos Estados Unidos é  do David, calquera que falara con el máis de dez minutos axiña se decataría non só do amor pola bedé que respira ese corpo, senón da extensa cultura comiqueira que ten. Antes que autor, evidentemente, foi lector. (O Heroe, a súa obra fetiche comeza cunha homenaxe a Jack Kirby).La ficción 3-David Rubín-Metrópoles Delirantes

A arte de David está nun momento magnífico, asentadas as súas propostas segue aprendendo, sorprendendo, mellorando na proposta formal, e sobre todo experimentando, cunhas composicións de páxina cada vez mellores, facendo peto de experiencia e manténdonos sempre á expectativa co seu traballo. E namentres agardamos por un novo libro estritamente persoal (como guionista e debuxante) este ano sairá o que está a facer con guión de Marcos Prior, Gran Hotel Abismo, unha obra comprometida que pensamos vai ser outro punto de inflexión na carreira deste galego que está chamado a ser (si non é xa) un dos grandes autores da bedé europea deste século.

Esta recensión foi publicada en marzo de 2016 na revista Tempos.