As lecturas do Sr B: Los Buenos Veranos

Aquí en español.

Los buenos veranos-Metrópoles DelirantesO título, xa deixa ben claro de que vai este libro e mesmo anticipa que naceu para ser unha serie. En España publícase agora o primeiro número, mais en Francia e Bélxica xa va saír do prelo o segundo. Nesta nova serie guionizada polo prolífico Zidrou e con debuxo de Lafebre, imos coñecer as vacacións, e só as vacacións,  dunha familia belga dos anos setenta, os Faldérault, cada libro será un ano distinto, e non necesariamente en orde cronolóxico.

Este primeiro número, titulado Rumbo al Sur, é puro Zidrou, unha historia con varios personaxes, cada un coa súa importancia, cada un coa súa batalla interna, todos necesarios nunha historia que se vai tecendo co pasar das páxinas, ata lograr que todo sexa unha unidade perfecta. O belga é quen de contarnos a historia sen caer nas evidencias, insinuando os problemas, as preocupacións, e constrúe os personaxes dun xeito tan preciso que axiña temos unha opinión formada do carácter de cada un deles.

O pai da familia é un debuxante sen moito éxito que sempre chega tarde ás entregas e que fai que toda a familia teña que agardar por el para comezar as vacacións, a nai é unha muller sobre pasada polas labores diarias na casa, no traballo e cos fillos, en plena crise existencial, e os cativos… pois iso, son cativos, xogos, pelexas, ilusións, ledicia, emoción.

E si Zidrou é o que lles pon alma, Lafebre é quen lles pon cara, e tamén o que fai visible a linguaxe oculta do guión, a historia que hai detrás da que lemos, porque xa sabemos que a cara é o espello da alma.

Lafebre fai un excepcional traballo neste libro, coma un fotógrafo é quen de crear e moldear a luz, cun debuxo máis definido que en La Mondaine, pero sen perder ese estilo tan persoal, e cunha cor que é un elemento narrativo máis, porque este libro amais dunha historia conta un momento que é feliz, as vacacións en familia, nunha época na que non existían as pantallas de vídeo para os coches, que carallo, non existía nin o aire acondicionado. Coches pequenos, incómodos, lentos, os nenos brincando sobreexcitados pola viaxe, as maletas que medran e engordan no pequeno intre que as despegas do chan para metelas no maleteiro do coche, os interminábeis quilómetros, a calor… Unha aventura que os Faldérault saben converter no máis divertido das vacacións, a viaxe.

Un libro que gustará especialmente aos que andan pola corentena, porque de seguro que lles lembrará a súa propia existencia nun relato ben contado, coa dose xusta de humor, costumismo, drama e sobre todo que deixa un moi bo corpo. Un cómic vitalista como o pai desta familia, cunha historia sólida como a nai e un grafismo tolo e divertido coma os fillos.

Amais, nesta época de novelas gráficas, na que o número de páxinas outorga un (irreal) plus de calidade, o formato álbum francés de medio cento de páxinas e tamaño grande paréceme un acerto.