Castelao por Xaime Lis (Día das letras Galegas 2016)

Castelao-Metrópoles DelirantesHai tempo viviu un home que era moitos á vez.  Foi emigrante, médico, teatreiro, escritor, debuxante, caricaturista, político, filósofo, pintor e moitísimas cousas máis.  Non o coñecín, e posiblemente ti, que les estas liñas, tampouco.  Pero el, hai unha chea de anos, xa pensaba en nós.  Falaba, escribía e pintaba para nós.  Mesmo sen sabelo.  E a min, dende cativo, semelloume que espreitar a súa obra, aceptar todo o que xenerosamente compartiu comigo, contigo, connosco, era un dos maiores tesouros que agochaba o feito de nacer e vivir nesta terra.

Chamábase Alfonso Daniel Manuel.  Era Castelao.

Hai uns anos un fedello lalinense, outro artista polifacético e grandísimo contador de historias, Inácio Vilariño, emperrouse en levar a vida (as vidas) deste rianxeiro ilustre á banda deseñada, concretamente a unha serie de libros que falasen del, da súa vida e da súa obra.  Atopou en Iván Suárez e no seu debuxo coidado e agarimoso un compañeiro de camiño perfecto.  E comezaron a súa andaina con Titoán, un álbum magnífico que levou, precisamente, o premio Castelao de banda deseñada  que outorga a Deputación coruñesa.  E que me deixou coa boca aberta.  Pola súa documentación, pola súa fluidez, polas súas cálidas ilustracións, pola súa economía de medios narrativa tan achegada á do autor de Retrincos, Cousas ou Sempre en Galiza.

Despois chegaron O pobre toloMáis alá! Atila, tres andares máis neste monumental proxecto, e agardo impaciente os seguintes catro volumes cos que Inácio e Iván pensan completar o seu documentado e xeitoso retrato.

Recoméndoche a súa lectura, a de calquera destes tomos coeditados entre Demo Editorial e Komic Librería, porque, ademais de ser unha obra moi ben construída e na que hai moito cariño investido, tes a posibilidade de descubrir moito sobre unha figura á que cómpre lembrar e agradecer, e que mellor xeito que a través das letras e dos debuxos.

Recomendación de: Xaime Lis. Libreiro na libraría Komic de Compostela e colaborador habitual das Metrópoles.