H2Oil por Octavio Beares (Día das Letras Galegas 2016)

H2oil-Metrópoles DelirantesUn dos pequenos-grandes fitos da recente historia da banda deseñada de Galicia xorde dun mazazo social, político, sentimental e identitario: a catástrofe do Prestige, que o 13 de novembro de 2002 puxo a Galicia no centro do mapa peninsular. Desgraciadamente.

Unha catastrófica vertedura e unha manipulación política dun petroleiro roto e derivando polas nosas augas mancillou a nosa costa, revolucionou o país, levantou a Galicia e tamén tivo eco nos historietistas galegos. Eles promoveron a constitución do Colectivo Chapapote integrado por case setenta autores, o cal supón a práctica totalidade da profesión de Galicia.

O colectivo regurxitou H2Oil, libriño ou revista que saía á venda o 12 de agosto de 2003 e vendeuse a completo beneficio de ADEGA, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza. Nas súas páxinas colaboran todos os membros do colectivo cunha prancha cada un deles. Decenas de estilos e un único sentimento de dor e protesta. Foi importantísimo: neste cómic único uníronse as voces persoais, a conciencia autoral dunha xeración -de varias xeracións, en realidade- nun diálogo adulto, maduro, concienciado e reivindicativo con lectores non necesariamente adscritos ao pechado ambiente do mercado dos cómics. A súa mensaxe e protesta eran universais e o traballo podía aspirar a un lector universal. Parécese moito ao que entendemos hoxe por novela gráfica.

E nas súas heteroxéneas páxinas citáronse novísimos autores como Alberto Vázquez, Emma Ríos ou David Rubín no arranque das súas carreiras, con firmas tan consagradas no s. XXI como Xaquín Marín ou Miguelanxo Prado.

H2 Oil é un quen é quen do cómic galego. E unha puñada de indignación… que ademais se liberou na rede, onde podes lelo e descargalo.

Recomendación de: Octavio Beares. Crítico, divulgador e comisario de exposicións, escribe sobre banda desenhada no Faro de Vigo e no seu propio blogue, Serie de Viñetas.