Lois Pereiro, breve encontro por Edu Maroño (Día das Letras Galegas 2016)

Lois Pereiro breve encontro-Metrópoles DelirantesDisimulen o tópico. Lois Pereiro é o máis semellante a un poeta maldito que ten dado a nosa literatura. Por iso, as celebracións que rodearon o Día das Letras Galegas do 2011 foron moi distintas das anteriores, das que seguiron e de seguro que tamén das que virán por moitos anos. Por primeira vez, para explicar a figura do homenaxeado había que falar do rock e do punk, de Joy Division, David Bowie e a Velvet Underground. De Radio Océano. Tamén de cómics coma Corto Maltés ou sobre todo Tintín. Lois é unha rara avis na literatura galega, un poeta ferido que escribiu versos que morden, unha voz única.

Aquel ano, a abundante bibliografía que acompaña ao Día das Letras incluía tamén un cómic, Lois Pereiro, breve encontro, unha obra complexa coa que Jacobo Fernández Serrano pretendía contribuír á divulgación da figura do poeta dando testemuño da súa traxectoria vital, mais tamén ofrecer a súa persoal visión sobre o escritor e a súa obra. O debuxante vigués percorría os principais acontecementos vitais do Lois, a súa infancia en Monforte, a descuberta na adolescencia da música, da literatura, da banda deseñada. A decisión de ser poeta. Os ríspetos anos 80 en Madrid, a revista Loia e os primeiros poemas publicados, as drogas e o envelenamento por colza. A vida posterior, marcada pola enfermidade e a laboriosa escrita de versos ata o seu pasamento en 1996.

Mais o achegamento de Fernández Serrano é tamén creativo e radicalmente persoal, mesturando o relato das vivencias de Lois con fragmentos da súa obra traducidos á linguaxe da banda deseñada: os seus poemas, o engaiolante ensaio Modesta proposición…, fragmentos da correspondencia que posteriormente sería publicada baixo o título Conversa ultramarina. Todo un reto que o debuxante vigués resolvía con elegancia e un sentido estético exquisito, deixando algunhas das mellores páxinas da súa carreira. A obra remata con Fernández fabulando sobre a vida ultraterrea dun Pereiro transformado xa en personaxe. É nese intre onde resultan máis recoñecibles as claves creativas do debuxante, que franquea a entrada do poeta ao seu persoal universo, deixando constancia dunha vontade de ir máis aló do puramente documental e buscar outra forma de veracidade.

Xurdida ao abeiro do Día das Letras Galegas, Lois Pereiro, breve encontro é calquera cousa menos unha obra conxuntural. É un lúcido diálogo entre cómic e literatura, un asoballante exercicio formal e sobre todo, o retrato admirado dun poeta por parte dun talentoso lector que tamén é debuxante.

Recomendación de: Edu Maroño. Crítico e divulgador, escribe sobre banda desenhada no  Galicia Confidencial Tendencias e no blogue Qadrinhos e no seu propio blogue, Un ollo de vidro.