O burato do inferno por SrB (Día das letras Galegas 2016)

O burato do inferno-Metrópoles DelirantesEsta novela gráfica naceu para ser guión de cinema pero os autores decidiron finalmente convertela na primeira banda deseñada que publicaron, foi editada no ano 2010 pola defunta Faktoria k de Libros de Kalandraka.

A Guarda, ano 1858, Bieito o Lindo, un home endurecido pola miseria e a fame, que abandonou a súa muller cando quedou preñada e que durante un tempo foi raqueiro e contrabandista na fronteira, regresa moi enfermo da Habana e pídelle ao párroco que lle vaia buscar ao fillo, que aínda que desprezaba ao moribundo, non pode negarse a aquela petición.

Bieito antes de dar o derradeiro alento, encárgalle ao fillo que limpe as súas culpas. O mozo terá que enfrontarse co cacique local para cumprir a vontade do seu proxenitor.

Esta é a sinopse desta negra historia coa que os irmáns Trigo nos achegan á Galiza do século XIX, pobre, mal comunicada, famenta. Unha sociedade dominada polo caciquismo, que decidía o sino dos seus habitantes, na que a sociedade consentía a pequena (ou grande) delincuencia para sobrevivir, alternando o pouco traballo e as crebas co contrabando e ata a piratería de terra.

Estas historias que os autores coñecen na tradición oral da súa vila A Guarda son os alicerces da historia que Ramón fai guión e o seu Irmán José Manuel, debuxo.

O libro é excepcional, a un interesante e ben contado guión, que deixa ao noso criterio o valorar canta parte de mal puro e de necesidade que obriga hai nun home que se adica a matar para sobrevivir hai que xuntar a marabillosa arte na que Ramón mestura o expresionismo de Murnau co tenebrismo, e manexando lapis e carbón é quen de facer que nos mergullemos axiña nesa sociedade escura, tenebrosa e dura na que os matices son tan escasos coma a comida. Os diálogos son os estritamente precisos, e a narrativa do libro deitase sobre a superlativa obra de Ramón que crea unha atmosfera tan abafante como fermosa.

Para min un dos mellores libros que se publicou na bd galega, que inxustamente non ten a fama que acadaron outros, pero si a calidade que lle falta a produtos que ata gozan dalgún premio.

Recomendación de: Sr B. Divulgador de banda desenhada. Escribe recensións na revista Tempos Novos e coordina as Metrópoles Delirantes.