Tempo de piratas e ilustrados

Descubertas científicas, novos estilos e innovacións nas artes, mudanzas clave nas fronteiras, cambios sociais drásticos… o mundo no que nos movemos hoxe non podería entenderse sen todo o acontecido durante o século XVIII, onde atopamos as raizames da modernidade. O Século das Luces foi ademais un dos contextos históricos preferidos para a vertente máis aventureira da BD, grazas ós numerosos personaxes que se moveron entre fronteiras: a das vellas e novas ideas, a das leis e a marxinalidade. E as mesmas viñetas tamén nos achegan detalles relevantes e case descoñecidos sobre o pasado.

A piratería: reflexo do poder da navegación

O século XVIII é unha das idades douradas da navegación, sendo décadas con constantes combates no mar entre as diversas potencias europeas. Cinguidos a ese mundo en conflito destaca a figura do pirata, que agocha unha realidade complexa de diferentes tipoloxías (corsarios, bucaneiros, filibusteiros…) e obxectivos persoais.piratas01-metropoles-delirantes

O espírito das lendas arredor de figuras coma o capitán Roberts ou Anne Bone trasladáronse ó cómic en multitude de cabeceiras durante os anos cincuenta-setenta, e onde predominou unha visión romántica: asaltaban barcos sen ningún tipo de compaixón pero fascinaban ós lectores máis novos con guións que souberon empregar as mellores técnicas narrativas do folletín. Entre todas elas sobresae o Barbarroja de Charlier e Hubinon, publicada no semanario Pilote e que cos seus máis de corenta anos de percorrido serve para coñecer coas súas tramas boa parte da historia naval do momento.

A obra comeza cunha abordaxe a un barco español, facendo referencia á Flota de Indias (que protexía o transporte entre América e os portos da monarquía hispánica), seguindo coa loita constante contra as autoridades ou os berberiscos. Entre as referencias favoritas dos autores está o a cidade de Saint-Malo: punto clave da piratería bretoa, do que saíu o corsario Robert Surcouf. Guionista e debuxante fixeran anos antes unha adaptación ás viñetas da súa biografía e aproveitaron o inxente traballo de documentación para dotar a Barbarroja de máis realismo. O seu éxito foi tal que Goscinny decidiu facer unha parodia-homenaxe á serie nos piratas que sempre saen mal parados nas aventuras de Astérix.

Entre outros nomes a citar poderían estar o Roland El Corsario de Oesterheld ou El Gavilán de piratas02-Metrópoles DelirantesPatrice Pellerin. Este último non só é fascinante polo seu aspecto gráfico senón polo coidado do autor na parte histórica, que se traslada a unhas escenas que recollen con exactitude dende o modo de vida das colonias francesas na Guyana ate arquitectura militar como o castelo de Taureau.

 O papel das colonias e os pobos indíxenas…

O Setecentos é un momento de cambio nas colonias do continente americano: a mellora das comunicacións marítimas axudaron non só ós negocios trasatlánticos senón tamén á distribución de novas ideas ós dous lados do océano, fundamentando por exemplo a independencia dos EEUU. Este conflito foi retratado no cómic en múltiples versións e perspectivas, sendo unha das máis recentes o Rebels que está a publicar Dark Horse. Os autores contan os feitos históricos dende a perspectiva dunha milicia local sen esquecer as dificultades da fronte doméstica. Unha revolución na que as mulleres tiveron un papel moi activo polo que aproveitaron para dedicarlles un número, inspirados na figura —entre real e novelesca— de Molly Pitcher.

Pero este enfrontamento ten os seus precedentes nas décadas anteriores, un complexo contexto de cambio retratado por Hugo Pratt na obra Ticonderoga, con guión de Oesterheld. piratas03-Metrópoles DelirantesEstamos en 1755, nun lugar no que se sucederon múltiples enfrontamentos entre ingleses, franceses ou indios. Ticonderoga é tamén o alcume dun dos rapaces protagonistas, a través do cal exploran esa sociedade que xa non era inglesa pero tampouco americana. O papel xogado polos indíxenas nos conflitos entre as potencias europeas baila sempre entre a amizade e o odio: unha poboación sometida que procura vías para sobrevivir —traballando como exploradores no exército— ou revelándose para recuperar as súas terras. Todo mesturado cunha natureza aínda salvaxe, incomprensible para os soldados estranxeiros.piratas04-Metrópoles Delirantes

Outras BD como Canoë Bay, sitúanse nos mesmos anos pero centrando o foco na Guerra dos Sete Anos (contando momentos como a expulsión dos acadianos, na que miles de súbditos franceses foron deportados tras negarse a xurar lealdade ós británicos). Pero no cómic non todo é América: en Los pasajeros del viento, parte da acción está no continente africano, expoñendo o tráfico de escravos e facendo referencias ó movemento abolicionista, que deu os seus primeiros pasos na segunda metade do século.

…contras as novas ideas ilustradas

O XVIII é o comezo do final do Antigo Réxime, onde os muros —sociais, ideolóxicos ou económicos— entre nobreza, Igrexa e vulgo empezan a derrubarse. Pero antes de chegar a ese punto de inflexión, atopamos a esas clases privilexiadas alleas ós novos aires en case tódalas cidades europeas do momento, entre as que destaca a Venecia barroca.

A beleza da súa arquitectura deu refuxio a personaxes como o de Casanova, un dos seus fillos máis internacionais. Nas viñetas do Giacomo C. de Dufaux e Griffo a estrutura urbana cobra protagonismo xunto con referencias á quarantia –un dos órganos de goberno— ou á música. Aínda que a parte clave da súa vida (o traballo como diplomático, inventor e trampulleiro nunha sociedade decadente) quedan eclipsados polas conquistas amorosas, os autores captaron o ambiente de contraste entre o luxo das familias nobres e os baixos fondos, sobre todo no primeiro álbum da serie.piratas05-metropoles-delirantes

Tamén podemos observar os últimos anos do vello sistema noutro punto xeográfico moi afastado dos salóns venecianos, como é o das terras altas escocesas. Phillipe Aymond escolleu a aventura como fío condutor das historias de Highlands, mais a través delas deixase sentir o conflito entre os xacobitas e os ingleses, así como a vida dos clans que remataría de xeito definitivo neste século.

As ondas da Revolución Francesa espallaríanse tanto por Europa como por América, sendo un dos acontecementos históricos máis estudados. Porén, atopamos personaxes esquecidas comopiratas07-metropoles-delirantes Olympe de Gouges, cuxa interesante biografía foi rescatada nunha novela gráfica na que comprobamos que os ideais de liberté, egalité, fraternité, nunca foron dirixidos ás mulleres. Entre as viñetas que retratan eses anos convulsos, destacan os momentos nos que os autores recollen anacos dos seus ensaios, porque a pesares do tempo transcorrido seguen sendo actuais e unha reflexión necesaria.

Durante o XVIII moitos intelectuais e pensadores apostarían polos avances científicos e a razón para facer avanzar as sociedades dos seus países. Unha das mellores representantes do manga xaponés, Riyoko Ikeda, fixo en Ten no hate made Porando hishi, unha fascinante análise da vida de Antoni Poniatowski, importante figura da historia de Polonia. Baixo o seu inconfundible estilo gráfico, introdúcenos no contexto europeo que arrodeaba ó país, cun rei feble que intenta espallar a cultura con reformas na educación mentres loita contra as inxerencias das potencias estranxeiras. Ademais, a autora explica detalles políticos coma o liberum veto —sistema de votación do parlamento polaco— dun xeito ameno e áxil.piratas08-metropoles-delirantes

Este conxunto caótico de cambios e figuras cheas de contrastes deixou a súa pegada nas influencias cinematográficas –¿alguén dixo Steward Granger en Scaramouche?–. Esas escenas clásicas de esgrima foron a inspiración para cómics como El Escorpión, onde o apego ó histórico é secundario, enlazando coa tradición da literatura de aventuras máis achegada á Pimpinela Escarlata. Aínda así hai un detalle que si nos achega a unha realidade social do XVIII: o protagonista traballa conseguindo antigüidades para a nobreza. Mentres a arqueoloxía daba os seus primeiros pasos (coa descuberta de Herculano ou Pompeia), as clases privilexiadas devecían por ter mostras interesantes daquelas culturas pasadas e aumentar as súas coleccións privadas, polo que os traficantes de arte volveron ter un negocio puxante.

A visión dos eventos deste século e as ideas da Ilustración no cómic van polo tanto dende unha óptica idealista (xunto coa defensa da liberdade a través de figuras morais ambiguas coma a dos piratas) ate a dura crítica a unha sociedade moribunda na que a nobreza se resistiu ós avances mentres continuaba a explotación doutros territorios e seres humanos. E a conexión co presente da que falabamos ó principio semella seguir aí porque lendo os xornais, entre piratas e ilustrados xa sabemos quen leva as de gañar…