As lecturas do Sr B: GoGo Monster

Aquí en español.

GoGo Monster1-Metrópoles DelirantesAínda que o mundo do manga é inmensamente amplo e de impresionante riqueza temática, o enorme éxito dalgúns dos seus “buques insignia”, coma Naruto, Termae Romae ou Dragon Ball, eclipsan a outras grandes obras do lonxano país nipón, que non teñen as cifras de vendas destes, pero que si teñen unha altísima calidade gráfica e literaria, este é o caso.

En GoGo Monster asistimos á vida diaria de Tachibana, un adolescente xaponés con tendencia á soidade, que está en contacto dalgún xeito con “algo” que só el pode ver, uns entes que ás veces xóganlle malas pasadas. O entorno de Tachibana redúcese a Suzuki, un neno máis integrado na sociedade, que é o novo estudante na escola, e que ao facerse amigo de Tachibana vai descubrindo (e nós con el) o que sucede, e I.Q. un rapaz que vai sempre cunha caixa tapándolle a cabeza e que ao igual que Tachibana parece ter problemas de integración.

GoGo Monster2-Metrópoles DelirantesEste libro é indubidabelmente oriental, tanto na temática, esa sorte de terror psicolóxico adolescente que triunfa no país nipón, sobre todo no cinema, coma no ritmo, no etéreo, misterioso e estrañamente belo e alonxado do occidental da historia.

Artisticamente fuxe do estilo típico do manga máis maioritario, Matsumoto manexa con acerto un estilo máis “relaxado”, case simplista, con momentos de debuxos cáseque bosquexados, deliberadamente indefinidos, cos que nos transmite as sensacións que vive o protagonista, cunha buscada perda do real para difuminar as percepcións, como un xeito de abstraer o guión e deixalo en máis suxerencia que concrección.

GoGo Monster3-Metrópoles DelirantesTodo nesta obra está insinuado e deixado a libre interpretación, Tachibana ve monstros que nós nunca vemos e ten dous únicos amigos tan distintos como os camiños que pode tomar a súa vida nese momento de abandonar a infancia.

Matsumoto, utiliza a súa poética para contarnos o que pode ser toda unha historia de terror paranoide ou a metáfora da vida aliñada debidamente coa sutil (ou non tanto aquí) espiritualidade xaponesa, aínda que con moita probabilidade sexa as dúas cousas.