As lecturas do Sr B: Necrópolis

Aquí en español.

Necrópolis, un uppercut directo a túa conciencia

Necrópolis-Marcos Prior-Metrópoles DelirantesAbrir o Necrópolis de Marcos Prior, é moi semellante ao que sucede cando sacas da funda un vinilo de Bill Evans e despois de pousalo sobre o prato, pos a agulla sobre del. Outra sensibilidade, elegante, cadenciosa, pura harmonía elaborada con pequenos fragmentos de realidade, filosofía e reflexión.

Necrópolis é un libro de historias que suceden nunha cidade moderna e fría durante unha serie de apagóns. Conta dunha sociedade deshumanizada e dura, unha selva de asfalto, na que os medios de comunicación son un importante actor na alienación da masa, a estupidificación colectiva, e na que calquera cousa contada a través dunha pantalla é máis verdade que o que ven os propios ollos. Fala desa caste de políticos que son produtos de homeopatía ideolóxica, deseñados para ser consumidos sen lerlles a composición, porque esta e tan mentira como os mesmos principios que defenden. A inculturización colectiva perpetrada polos poderes, a xeito de holocausto da intelixencia e do espírito crítico que conleva que os habitantes da cidade viren en seres irracionais que teñen que volver ao primitivismo da propia supervivencia a conta da violencia.Necrópolis2-Metrópoles Delirantes

En Necrópolis somos espectadores da deshumanización das grandes cidades, do colapso dun sistema económico, da dependencia dun orde fráxil e inxusto e das terríbeis consecuencias da polarización das clases sociais, do populismo e do sometemento xeral da política e a sociedade ao circo do sensacionalismo mediático. Plantéxanos unha distopía que nos é dolorosamente familiar. Esa ficción que xa é real.

Esta excepcional obra, coma o jazz delicado e perfecto de Evans, inventa novas formas narrativas que experimentan coas composicións na páxina e coa importancia dos textos, sabiamente colocadas ao mesmo tamaño que os cadriños, as metáforas visuais e a metalinguaxe buscando integrar con mestría os novos medios e redes sociais na narrativa, unha versión literaria e gráfica da poética do (aparente) caos dun trío de jazz que ensambla unha obra perfecta e incontestablemente fermosa.

Necrópolis3-Metrópoles DelirantesEste libro esixe un lector activo, informado, e coa mente aberta a temas complexos, en troques deste pequeno esforzo, agasalla faíscas de humor descabellado que son na realidade metáforas exactas do que vivimos cada día, entrevistas feitas por marionetas-youtubers-xornalistas e incluso un debate a catro que certifica con clarividencia (o libro foi anterior ao 20D) que España sigue sendo moi de misa de doce, puntilla e peineta, e dicir, ridícula casposa e delincuente.

Marcos Prior é un autor que en cada unha das súas obras aborda o mundo que vivimos utilizando como armas o sarcasmo e a ironía, con unha ampla dose de intelixencia debulla coma se for un psicoanalista a esquizofrenia da sociedade que sufrimos, é con toda certeza o máis combativo da banda deseñada estatal, que non esconde a intención política das súas obras.

Hostias coa man aberta á conciencia colectiva dun estado que parece unha mala brincadeira.

Esta recensión foi publicada en abril de 2016 na revista Tempos.