As lecturas do Sr B: Paciencia

Aquí en español.

Paciencia 1-Metrópoles DelirantesDaniel Clowes é un deses nomes que dende que comezas a ler cómics non paras de escoitar. Un grande, que se di en dialecto futboleiro. Non só iso, é probable que sexa dos poucos autores de banda deseñada que lles sona aos “desafortunados” que non gozan do cómic coma nós. A culpa desta fama fora do “mundiño” téñena algunha das súas míticas e magníficas obras anteriores, en particular Ghost world, da que hai unha película que acadou bos comentarios en público e crítica e que chegou a estar nomeada a un Oscar.

Desta volta o autor aposta forte, unha historia que comeza cun gran cambio que trae moita ilusión ás vidas da anódina parella protagonista, Jack e Paciencia, pero as cousas non son o que parecen e axiña Jack emprende unha obsesiva viaxe que o levará saltando no tempo adiante e atrás, do pasado ao futuro e viceversa, nun intento de conxurar as desgracias que atormentan a súa existencia.

Clowes mestura coa mestría dun barman hipster a intriga dun crime e a ciencia ficción dos viaxes no tempo, acadando unha psicodélica historia de amor, que non escapa do fastío vital e as vidas insatisfactorias típicas nas súas historias, nin da violencia sazonada de certa tenrura que tan ben manexa. Paciencia é unha obra peculiar, como todas as de Clowes, cun estilo moi recoñecible e persoal, un expoñente desa banda deseñada americana independente, alternativa e fondamente máis interesante que ás dúas fábricas de pezas estándar en forma de superheroes que son as grandes “majors”, Marvel e DC.

Paciencia 2-Metrópoles DelirantesO debuxo deste autor de liñas claras e definidas, cores planas e trazo elaborado é agradable a vista, sen grandes artificios nin un virtuosismo abraiante, sen buscar complexas estruturas gráficas, pero que neste libro loce as influencias pop e baña os cadriños con cores vivas e planas, sabiamente combinadas.

Un novo libro dun dos historietistas máis influentes e premiados das últimas dúas décadas, narrado cun estilo que citando a Lorca poderiamos definir como de “guante de seda e de mercurio”. Sensibilidade e sordidez, que nas súas propias verbas é: “Un viaxe mortal polo tempo e o espazo ata as esencias do amor eterno”.

Paciencia 2-Metrópoles Delirantes

Cinco anos levaba Clowes sen publicar unha obra longa (de feito é a máis longa das súas) e non podía escoller mellor compañeira de viaxe neste novo libro que á voluntariosa editora Fulgencio Pimentel, da que non podemos pasar por alto o excelente traballo feito na edición, cun formato perfecto, unha impresión pulcra e ben executada, e un prezo moi axustado (máis barato que a edición americana) e por si fora pouco, amais, publicada en España un mes antes que nos Estados Unidos.

Esta recensión foi publicada en maio de 2016 na revista Tempos.