Convocado o XI Premio de banda deseñada “Castelao”

Deputación Coruña-Metrópoles DelirantesMáis un ano a Deputación de Coruña convoca o seu premio de Banda deseñada, desta volta, e sorprendentemente, con menos prazo do habitual e introducindo unha nova cláusula que impide publicar a obra ata que o faga a propia institución.

Facemos unha escolma das bases:

  • Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, que non fosen premiados neste certame nos catro anos anteriores a éste, e que presenten obra escrita en lingua galega, inédita e non premiada.
  • As obras presentadas poderán ser escritas e debuxadas, cada unha delas, por un máximo de dúas persoas autoras (unha como guionista e outra como debuxante).
  • Establécese un premio único dotado con 6.500 €.
  • A Deputación, que publicará a obra premiada, reservarase os seus dereitos de edición durante un prazo de dezaoito meses, que se contará desde a data da concesión do premio, e entregará á persoa gañadora trinta exemplares da obra editada.
  • A autora, autor ou autores manterán os dereitos para a posible edición da obra en calquera outra lingua distinta á galega. Esta edición non poderá ser realizada, en ningún caso, con anterioridade á edición en lingua galega.
  • A temática das obras será libre, e poderá tratarse dunha historia única ou dun conxunto de historias.
  • O traballo será presentado por duplicado e en exemplares separados, numerados, grampados ou encadernados, da seguinte forma:• O libro terá que estar rematado, tanto en guión como en debuxo.• O formato deberá ser de mancha 26 x 19 cm, ou proporcional.
    • O tamaño dos orixinais: mínimo DIN A4 e máximo DIN A3.
    • A extensión mínima será de 48 páxinas.
    • Para a súa valoración enviaranse copias encadernadas en DIN A4 con calidade láser.
  • Cada obra será presentada baixo o sistema de plica.
  • O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte (18/5/2016) ao da publicación desta convocatoria no BOP e rematará o día 30 xuño de 2016.
  • Os orixinais serán enviados á Deputación da Coruña, Avda. Porto da Coruña 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre “XI Premio de banda deseñada “Castelao”.
  • A composición do xurado darase a coñecer, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación (www.dacoruna.gal), co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
  • O xurado poderá declarar deserto o premio.
  • A decisión do xurado, que terá lugar no segundo semestre de 2016, será dada a coñecer por medio do taboleiro de anuncios e da páxina web da Deputación.

As bases completas aquí.

Unha reflexión sobre “Convocado o XI Premio de banda deseñada “Castelao”

  1. bdtecófilo

    Pois xa lle vale. Por riba de non dar tempo a facer nada (basicamente tes que ter xa feita e rematada a bd) non poderá ser publicada en ningún outro idioma antes que en Galego, e claro, como se dan tanta presa en publicalo en Galego… Ahí estamos, desanimando ao persoal!

Os comentarios están pechados.