Viñetas con orgullo

O 28 de xuño celébrase internacionalmente o Día do Orgullo LGBT, unha xornada entre festiva e reivindicativa dos dereitos da poboación lésbica, gai, bisexual e transexual, que conmemora os disturbios acaecidos en 1969 no bar Stonewall de Nova York, os sucesos que se consideran o inicio do movemento de liberación homosexual. Son, xa que logo, datas propicias para imbuírse do espírito desta comunidade e coñecela un pouco máis, e unha forma inmellorable de facelo é lendo (ou relendo) algunha banda deseñada de temática gai. A petición das Metrópoles, ofrézovos unha escolma con propostas variadas entre as que de seguro atoparedes algo que vos interese.

Stuck-rubber-baby-Metropoles DelirantesStuck Rubber Baby. Se cadra, o cómic que mellor captura a esencia do Orgullo é esta novela gráfica pioneira, que desde que apareceu se considera un pouco o Maus da comunidade homosexual. Mesturando os seus propios recordos con eventos históricos, o debuxante Howard Cruse, antigo editor da antoloxía Gay Comix, constrúe un relato iniciático ambientado nas décadas dos 50 e os 60 en Clayfield, unha vila ficticia do sur estadounidense inspirada na súa Alabama natal. O narrador da historia é Toland Polk, un home de 40 anos que bota a vista atrás para lembrar connosco os seus turbulentos anos de mocidade nese ambiente racista e opresor. Presenciaremos como foi progresivamente tomando conciencia e aceptando a súa identidade gai, e como acabou implicándose no movemento polos dereitos civís. Cun estilo menos caricaturesco do que lle coñeciamos, Cruse presta particular atención ao detalle nunha minuciosa posta en páxina repleta de información visual e diálogos naturalistas que nos transporta a unha época moito máis escura para as minorías que a actual e que nos fará apreciar todo o que se leva avanzado na loita a prol da tolerancia.

Fun-home-Metropoles DelirantesFun Home, Una familia tragicómica. Alison Bechdel seguramente pasará a posterioridade polo test que leva o seu nome e que mide a falta de representación feminina nas obras de ficción, ou polo mérito que supuxo publicar a tira semanal Unas lesbiana de cuidado ininterrumpidamente entre 1983 e 2008. Con todo, a súa magna obra é a multipremiada novela gráfica Fun Home, unhas memorias nas que reflexiona sobre a súa difícil relación co seu pai. Mentres que a filla asumiu o seu lesbianismo con naturalidade, Bruce Bechdel nunca aceptou a súa condición sexual, o que podería telo levado a unha morte en estrañas circunstancias. Alison parte do único que tiñan ambos en común, o seu amor pola literatura inglesa, para reconstruír diversos momentos clave da súa historia familiar en relación aos libros favoritos de ambos, como O Gran Gatsby ou o Ulises de Joyce. O máis interesante deste cómic é a súa estrutura, que non é temporal senón temática, na que os mesmos sucesos se van revisitando sucesivamente desde distintas perspectivas, engadindo cada vez máis información. Un dispositivo complexo que pola contra garante unha lectura inmersiva e cativadora.

beach boys-Metropoles DelirantesBeach Boys. Ralf König é o principal autor de cómics homosexual de Europa, e leva décadas retratando nos seus divertidos álbums o día a día da comunidade gai, sendo talvez quen máis fixo pola normalización deste colectivo entre os lectores de banda deseñada, demostrando que cando se trata de meter a zoca os maricas podemos ser igual de cazurros que os heteros. Se nunca se leu ningunha obra súa, hai moito libro onde escoller, pois La Cúpula ten editado no noso país o groso do seu catálogo. Podería entrarse no seu mundo a través algún dos volumes protagonizados pola parella de Konrad e Paul, os seus personaxes máis populares, mais quizais o mellor punto de partida é Beach Boys, unha comedia coral na que se van entrelazando as aventuras de diversos personaxes durante unhas vacacións de Semana Santa. Unha hilarante colección de sketches nos que o ilustrador alemán se atopa en estado de graza, e que sen dúbida deixará ganas de repetir.

Batwoman-Metropoles DelirantesBatwoman. Dun tempo a esta parte, os rancios universos superheroicos, que tradicionalmente eran fantasías de poder masculinas, foron abríndose á realidade e incluíndo personaxes cada vez máis diversos, representantes doutras razas, relixións e orientacións sexuais. Kathy Kane, a nova Batwoman, é un perfecto estandarte deste nova onda de cambios. Tras presentala de secundaria nas coleccións do home morcego, na súa propia cabeceira o guionista Greg Rucka e o debuxante JH Williams III deseñaron unha vixiante nocturna para Gotham City cuxo lesbianismo era unha parte capital da súa identidade civil: así, descubriremos que a botaron do exército por saír do armario e seremos cómplices da súa axitada vida sentimental. A proposta de matrimonio que lle fixo á súa moza, a policía Maggie Sawyer, chegou a atraer a atención mediática da prensa xeralista. Unha mágoa que a censura da editorial DC truncase os plans que os creadores tiñan para ela, pero iso non quita que os volumes recompilatorios editados en España estean entre os mellores tebeos de superheroes dos últimos anos.

Portada_DegeneradoDegenerado. Desgraciadamente, aínda falta por chegar a gran banda deseñada que aborde o tema da transexualidade de maneira definitiva. De momento temos que conformarnos con aproximacións como a de Chloé Cruchaudet, que en Degenerado se inspira na historia verídica de Paul Grauppe, un desertor da 1ª Guerra Mundial que se fai pasar por muller para non regresar ás trincheiras, pero que unha vez rematado o conflito non quere recuperar a súa identidade masculina. O delicado trazo da francesa, que renuncia aos marcos das viñetas e se cingue a unha paleta de cores limitada, quítalle sordidez a unha historia tráxica e traumática que fascinará ao coñecela hoxe en día.

Chloé Cruchadet estivo no programa número 35 das Metrópoles.

Providence1-Metropoles DelirantesProvidence. O xenial guionista Alan Moore leva certo tempo desconectado dos tebeos, máis preocupado por outros ámbitos de expresión, aínda que puntualmente retorna ao medio que o viu crecer con propostas tan interesantes como a serie regular Providence, na que xoga a darlle unha reviravolta ao universo dos Mitos de Chtulu de HP Lovecraft. Aínda non sabemos como acabará esta historia, cualificada por algúns críticos coma “o Watchmen do xénero de terror”, pero de momento no primeiro tomo aparecido en España podemos apreciar como o barbudo de Northampton practica unha relectura revisionista que está sacando á luz o subtexto homosexual agochado nos relatos orixinais, cun protagonista abertamente gai empeñado en descubrir o que agocha a América oculta… o que seguramente o levará á perdición.

Sentimental-Metropoles DelirantesSe(nti)mental. Por último, por recomendar algún cómic nacional e que non sexan todas lecturas estranxeiras, suxerimos esta recente recompilación das exitosas viñetas cómicas que o zaragozano Alfonso Casas publica en redes sociais (ten milleiros de seguidores en Instagram). Píldoras de humor costumista coas que retrata as complicadas e velocísimas relacións sexuais e sentimentais do mundo gai e nas que ensina a combater o desamor poñendo a outra meixela. Un creador que pronto estará aínda máis de moda coa próxima estrea de Marica tú, a adaptación cinematográfica do seu primeiro tebeo homónimo, feito con guión de Julián Almazán.