A propósito de Entrecómics

Aquí en español.

Esta semana un pequeno terremoto sacudiu os alicerces da comunidade da banda deseñada en internet, o peche da web de Entrecómics. Tan mala nova, coma a priori, inesperada.

Entrecómics remataba de cumprir dez anos, neste tempo fíxose unha das webs de cabeceira de calquera seareiro da BD, bo contido e bos colaboradores, deseño moderno e razoablemente ben actualizada. Porén hai que entender que o mundo da internet é así, multiplica exponencialmente a velocidade da vida real, todo vai máis rápido na rede, moito máis, uns proxectos morren pero nacen outros, porque claro está a rede brinda unha oportunidade “de la hostia” para facer cousas que aos que vivimos nun mundo pre internet tennos tan marabillados como asustados.

O problema é que aínda que aparezan máis webs adicadas ao cómic, consolidar un proxecto de longa duración, acadar a difusión e un nivel de regularidade e calidade nos contidos é difícil. Eis a gran perda, Entrecómics xa era todo iso. Internet é grande coma un océano, nin é doado seguir a velocidade á que vai, nin é doado sequera aboiar nela, e dicir, saír do anonimato no que te sume tal inmensidade de información, amais, o consumo de recursos tanto económicos coma humanos é importante si queres ter un medio minimamente ao día e ben posicionado.

Tódolos que xestionamos un proxecto destas características (salvando as evidentes distancias) pasamos pola etapa inicial de voluntarismo e ilusión desmedida que suplen calquera eiva con traballo arreo e amigos; este ben podería ser o primeiro acto. No comezo do segundo acto vaise racionalizando o volume de recursos empregados ata acadar “certo tipo de equilibrio con un mesmo” (que dicían Les Luthiers), cada un racionaliza como pode, pero chega a crise do segundo acto, onde as malas pelis dormen aos espectadores, é moi difícil acadar unha velocidade de cruceiro sen axuda, fan falla colaboradores, e si, por moito que moleste, pasta, algo de pasta.

É xusto aquí onde entramos no miolo da cousa internetera e informativa, nun momento no que os xornais prescinden de traballadores e a información responde a un criterio máis económico que plural, vas fodido si che gusta un deporte coma o tiro con arco, as pelis checas ou a BD, so verás información si pasa algo fora do común, si un español/a gaña unha medalla olímpica ou que un cómic toque o tema do terrorismo, o resto son informacións residuais ou estacionais, e por suposto, en medios que poden manter unha certa estrutura, e dicir dous ou tres e de ámbito estatal. (No caso de Galiza, a cousa xa é para chorar moito).

Por iso mola ter internet, ter blogues, ter podcasts, ter revistas dixitais, ter booktubers, ter en definitiva un soporte no que si buscas, atoparás a túa opción informativa, e sen ter que pedir fanzines a escuros apartados de correos, pagando con estampiñas de correo (si, na era pre internet era así).

A rede pon moi preto de nós a información que queremos, máis ou menos erudita, máis ou menos seria, máis ou menos fonda, pero ao teu gusto, é aquí onde hai que establecer un acordo tácito entre medio e consumidor, si che gusta o que les, escoitas ou ves, hai que apoiar que exista, en primeiro lugar coas opcións de balde, retuits, comentarios, suxerencias, mesmo a participación (se o medio admite colaboracións) e en segundo, economicamente, pero aí, amigo, aí está “the mother of the dragons”, o peto costa menealo.

É evidente que, polo menos, no estado español hai unha crise xornalística, os medios tradicionais están en retroceso dende hai anos e eses mesmos medios en dixital non son quen de se poñer no século XXI, simplemente replican os contidos, formatos e modelos económicos anteriores a internet, como se entrar no ciberespazo, e porén, no futuro, fora soamente ofrecer o mesmo pero aforrando o papel e as promocións das tixolas.

Esta crise do xornalismo, detrás da que os directores dos medios ven a nosa ignorancia conxénita, pouco espírito de cultivarnos e roxerío irredento, penso eu ignorante que son, ten máis a ver cun modelo orientado ás subvencións públicas ao peloteo a quen goberne, a falla absoluta de rigor e a ese desmedido odio á informar; si, non queren informar, porque sen xornalistas os medios só son fotocopiadoras de notas de prensa e o camiño que tomaron estes medios hai tempo foi o de reducir plantel, deixar de pagar colaboradores e prescindir dos que escriben como dios, porque soen ser os máis incómodos para os poderes fácticos.

Calquera minimamente informado sobre a realidade da BD morre de risa coa maioría das entrevistas que se publican, por poñer un exemplo, co gallo do Viñetas, nas que abundan cousas coma:

  • Pódese vivir do cómics?
  • No cómic tamén hai mulleres!
  • A BD tamén pode ser cousa de adultos!

A que ven este alegato anti directores de “medio tradicional”?

Aquí é onde ligo os blogues e a internet cos medios tradicionais. Queren que alguén fale de tebeos (ou cinema, teatro, de cultura en xeral) o que non queren é pagar, así moitas das colaboracións que vedes neses medios non se pagan ou no mellor dos casos páganse a prezo de dous gintonics hipsters. Na nosa pequena experiencia incluso algún medio pretendeu cobrarnos, si cobrarnos, por emitir o Metrópoles. O desprezo é evidente.

E como monetizar os medios “independentes”?

Difícil, si, hai múltiples opcións, crowdfunding, mecenado mensual, doazóns, todos relativamente complexos para un medio e moi antipopulares e (probablemente) máis dirixidos a outro tipo de produtos, e sobre todo con síntomas de esgotamento pois outro dos “problemas” de internet é que ao ter acceso a millóns de informacións, tamén hai acceso a millóns de proxectos chulos que precisan a nosa pasta.

Así que temos un problema, os medios tradicionais non queren informar de determinadas cousas porque non lles é rendíbel (iso din), os xornalistas e divulgadores abren blogues con vocación de medios, pero os lectores non queren (a maioría) pagar e o mercado publicitario vai aos medios tradicionais, así entramos nun circulo vicioso, e os blogues pechan porque son insostibles a longo prazo sen un proxecto que os profesionalice ou que polo menos os faga auto financiados.

Como coordinador dun  medio dedicado á BD (web e podcast) entendo perfectamente os motivos esgrimidos por Entrecómics para o peche e por suposto comparto a preocupación pola resposta á pregunta que voa no ar en toda esta “movida”:

Profesionalización ou desaparición?

A tendencia debería ser que si nos gusta algo temos que apoialo e tamén a buscar máis sinerxías (adoecía por meter este “palabro” de moda) entre os actores da escea da BD, ten razón Octavio Beares en que desde a ACDCómic, tal vez haxa que tomar algunha iniciativa conxunta con editoras, tendas e demais, ou cando menos abrir un debate para por enriba da mesa o futuro da divulgación e as ideas novas que poidan xurdir.

Por certo, si o panorama dos medios independentes é difícil na lingua do estado nin vos conto como é na do país.

Hai tempo, nunha conversa cun autor de BD, sinalounos a modo de case tráxica premonición, que o das Metrópoles estaba moi ben, pero que no mundiño xa sabían que ía durar ata onde nos chegara a gasolina da vontade. Teño que recoñecer que pasamos algunha crise, pero dura pouco (de momento), e ao final sexa cousa do voluntarismo ou da inconsciencia non me gustaría ver morrer este proxecto nin ningún outro dedicado á BD.