As lecturas do Sr B: Acero y Láser

Aquí en Español.

Acero e Laser 1 - Metrópoles DelirantesAceiro e Láser é un coctel bitono en rosa e azul, e vouvos dar a receita:

Nunha cocteleira mesturar tres partes dos másters do universo, dúas partes da saga regreso ao futuro, dúas pingas de Flash Gordon, axitar forte e filtrar para quitarlle os complexos e a ñoñeria. Servir en copa martini con dúas rodelas de violencia, santería galáctica e épica medieval.

Bombástico!!!

Está verba inexistente na nosa lingua pode ser a mellor definición do alucinante, excelente, divertido, irreverente e marabillosamente kitsch e “futurista de mercadillo” Aceiro e Láser de Benjamin Marra.

Este cómic que nos trouxeron as editoras Autsaider e Fatbotton, cun atractivo prezo de 6 euros, Acero e Laser 2 - Metrópoles Delirantesé unha das típicas historias tolas e alucinantes de Marra. Dous irmáns, que se asemellan a algúns dos referentes pop da infancia da xeración Mazinguer Z, dos que os delirantes non somos quen de nos poñer dacordo en si recordan o primeiro a He-man ou a Conan e o segundo a Marty McFly con láseres e moi mala hostia, ou a Pino DÁngio pasado de “Mitsubishis”, ambos, nun universo que podería ser a ruta do bacallao valenciana, macarritas que destripan demos coma quen vota ao PP, con sorprendente facilidade, efectividade e beneficio propio.

Marra, tráenos aquí unha historia futurista ben delirante, un xeito de opereta breve galáctica no que desprega un universo de seres raros, que teñen case tanto de superherois coma de sicarios, nunha historia que non só engancha desde a portada, senón que marabilla na primeira páxina, e dende aí, todo é un crescendo de fantasía gamberra que non podes deixar ata rematar de ler, cousa que por certo chega axiña pois só son 30 páxinas, pero Acero e Laser 3 - Metrópoles Deliranteseh, que 30 páxinas “mai frends”.

Divertidísimo como todo o que fai Don Benjamin, como lle chaman con razón na web de Autsaider, o autor non esconde as súas influencias dos cómics setenteiros, nin o seu gosto pola violencia. Está claro que si existe unha serie B na banda deseñada, debe ser este que tan estupendamente fai Mr Benjamin, que sería quen de mesturar Barbarella con Toxic avenger e facer unha obra mestra.