Test Delirante – Diego Giráldez

Diego Giráldez - Metrópoles Delirantes

Foto: María Díaz

Diego Giráldez é un xornalista e escritor galego, colaborou como columnista de opinión en varios xornais e fixo reportaxes culturais para a edición galega de El País, na actualidade escribe no diario Praza Pública, na revista Luzes e dirixe o CanZine, publicación oficial do Festival de Cans.

Gañou varios premios literarios, entre eles o primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo o ano pasado e neste 2016 o Certame Manuel Murguía de narracións breves.

Ven de publicar Galeria de Saldos, un imprescindíbel libro de relatos coa arte como trasfondo.

1-Cal é o teu cómic preferido.

Mortadelo y Filemón Contra el “gang” del “Chicharrón”.

2-Licorcafé ou Gintonic.

Fun un gran bebedor das dúas opcións. Logo decateime de que o licorcafé roubábame o sono e o gintonic a paciencia. Foi cando o combinado entrou nesa etapa das verduras, cilantros e estorbos así. Agora, o único licor que bebo -por simplificar- é bourbon. 

3-Lembras cal foi o primeiro que liches?

Un par de tomos de tiras cómicas de “Tom & Jerry” que, por certo, aínda gardo. 

4-Que peli non te cansas de ver?

Isto non volo perdono. Elixir unha soa peli é traizoar as ducias e ducias delas que me fixeron sentir algo. Aínda así, non canso de ver “O gran ditador”, de Chaplin. 

5-Tes un autor de banda deseñada preferido?

Sempre teño tiras de Ibáñez e Jan na memoria. Supoño que iso quere dicir algo. 

6-Rolling ou Beatles?

Sempre fun máis dos Stones. 

7-Superherois, manga ou europeo?

Nada supera as mallas dun superheróe loitando contra os malos. Quédome con esa sobreactuación. 

8-Churrasco ou sardiñada?

Churrasco. Sobre todo por ese momento no que eu me dedico a abrir viño mentres outros asan. Eu son un gran chef de picoteos previos. 

9-Un autor/a de bd galego?

David Rubín e a súa contundencia. 

10-Un disco que adores.

“This Was”, de Jethro Tull.

11-Tes un libreiro de confianza?

Aínda no fun de cañas con ningún. 

12-Chapeu de palla ou pucho de John Deere?

O ano pasado merquei un sombreiro de palla, pero de palla mainstream, dos de Zara. Saín de casa con el posto e ao verme reflectido nun escaparate decidín esquecelo para sempre pendurado no percheiro. Comprendín que para lembrar sombreiro hai que verse primeiro a cara. 

13-Lector ocasional ou compulsivo?

Sempre fun un lector compulsivo e agora leo menos do que eu quixera. Moito menos. O traballo e outras historias roubánme máis tempo do que debería estar permitido. 

14-No verán es máis de praia ou de montaña?

De praia. Son incapaz de ir ao monte en chanclas. 

15-Astérix ou Tintín?

Son fiel a Astérix. A única vez que perigou a miña fidelidade a este clásico foi cando vin que Obélix era Gérard Depardieu. Logo, todo ben. 

16- Un viño que che guste especialmente?

Agora son moito máis cervexeiro. Aínda así, para o verán, quédome cun viño de Porto branco, frío, para un aperitivo.

17-Recomenda un cómic.

Teño que recomendar “O Heróe”, de Rubín, por unha razón: o outro día o meu fillo de sete anos –lector de tebeos empedernido- colleuno con curiosidade dun andel da estantería e levouno para cama. Ao día seguinte pregunteille, intrigado: “Que tal?”. “Moi chulo”, díxome. É un tipo con criterio.