Test Delirante – Susana Sampedro

Susana Sampedro - Metrópoles DelirantesSusana Sampedro é unha polifacética cantante e actriz, foi unha das “malas” da serie O Faro, que nos acompañou varias tempadas na sobremesa da TVG e agora remata de gravar Dalia a Costureira, outra serie que poderemos ver en breve na canle autonómica. Prestouse a ser a nosa primeira vítima neste Test Delirante.

1-Cal é o teu cómic preferido.

Polo tempo que lle teño dedicado, sen dúbida, Mortadelo e Filemón.

2-Licorcafé ou Gintonic.

Despois de saborear ambos nalgún momento da miña vida, teño que dicir que me quedo coa caña de herbas.

3-Lembras cal foi o primeiro que liches?

Non sei se foi o primeiro, pero seguro que está entre eles, e que o lin un millón de veces: Os cigarros do faraón, de Tintín.

4-Que peli non te cansas de ver?

Buf…moitas, pero teño que recoñecer que sempre fago unha revisión de El silencio de los corderos e Sonrisas y lágrimas, como vedes, moi parecidas entre ellas;))

5-Tes un autor de banda deseñada preferido?

Ibáñez.

6-Rolling ou Beatles?

Beatles.

7-Superherois, manga ou europeo?

Superheroes, sempre me foron os cachimáns ;)))

8-Churrasco ou sardiñada?

Sardiñada, son de Ribeira ;))

9-Un autor/a de bd galego?

Aquí vou tirar para a casa, e vou dicir que son moi fan dos románticos e ácidos sangrantes de Fernando Tato.

10-Un disco que adores.

Isto é como coas películas, moi difícil dicir un, pero desde que o escoitei no 2007, aínda flipo co Life in cartoon motion de Mika.

11-Tes un libreiro de confianza?

A verdade que non teño, a miña impaciencia obrígame a buscar o que quero onde antes o atope.

12-Chapeu de palla ou pucho de John Deere?

O que máis me tape do sol, e canto máis grande mellor.

13-Lector ocasional ou compulsivo?

Ocasional.

14-No verán es máis de praia ou de montaña?

Eu, no verán son máis de chiringuito, e ao que vou, na praia da Area Secada en Ribeira, está xusto entre a montaña e a praia.

15-Astérix ou Tintín?

Tintín, xa sei que a moita xente lle parece un repunante, pero quen me dera ir por aí con el a vivir aventuras.

16- Un viño que che guste especialmente?

Calquera rodeado de amigos.

17-Recomenda un cómic.

Recomendáronmo hai pouco, e vou facer o mesmo: Get Fuzzy de Darby Conley, encántanme os animais, e nótase que o escritor coñéceos ben.