As lecturas do Sr B: La Carga

Aquí en español.

La Carga-Metrópoles DelirantesMariano Casas, gañador da cuarta edición do premio Castelao con Mensaxes, é un deses autores que non paran de producir, desta volta acude ao micro mecenado, táboa de salvación de moitos proxectos nun país cunha carencia grave de facilidades para producir e editar banda deseñada.

La Carga é unha obra de 84 páxinas dura, opresiva, tensa, unha “road movie”, (existe o xénero road cómic?) na que seguimos a fuxida de dous personaxes que tentan deixar atrás o pasado e dos que imos descubrindo cousas a través das súas conversas na furgoneta na que fuxen e transportan unha misteriosa carga da que queren desprenderse.

Así de sinxelo e ao tempo así de complexo é o argumento, con esta premisa e un estilo gráfico áxil e de trazo rápido e forte, feito con tinta e pincel, cunha gran carga pictórica e un branco e negro áspero pero fermoso, potente e directo como un “riff” de guitarra dos Homens, así é como Mariano vai desenvolvendo o fío desta historia que cun ritmo preciso, cadencioso, vai atrapando ata que chegas ao final, un momento case espiritual no que cobra sentido o subtitulo desta obra, Manual de auto axuda para culpábeis.

La carga2-Metrópoles delirantesÉ moi interesante esta aposta de Mariano polo terror psicolóxico, optando por mimar a historia, por tentar buscar outros xeitos máis experimentais, por envolver ao relato dunha atmosfera que nos mete na angustia vital dos protagonistas. O autor, amais, decídese por un final arriscado cunha certa poética que apunta cara a reflexión sobre a culpa e as condeas que nos auto impoñemos, que son certamente as máis duras.

É de destacar a excelente calidade da edición, da que ademais hai dúas versións unha coa capa serigrafiada e outra coa capa gravada. Un traballo este la Carga que ten moitas das virtudes da banda deseñada galega, independencia, calidade e afouteza.