Esenciais 2016 da ACDCómic (1º semestre)

esenciais-acdcomic-1er-semestre-metropoles delirantesA “Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic” ven de publicar a primeira quenda dos seus Esenciais 2016, unha selección de cómics coa que esta organización pretende chamar á atención sobre algunhas das obras máis destacadas das editadas no estado.

A lista de ‘Esenciais’ preséntase coma unha guía de lectura, e pódese ver en acdcomic.es/esenciales2016. Son 25 novidades publicadas entre xaneiro e xuño de 2016, elixidas en votación por 43 dos integrantes da ACDCómic.

A selección contén unha variada mostra do que ofreceu o mercado da banda deseñada no estado na primeira parte do ano. Así, hai clásicos como ’13, Rue del Percebe’, de Francisco Ibáñez, recuperado a primeiros de ano en edición integral; obras de autores españois consagrados, coma ‘El ala rota’, de Altarriba e Kim, ou ‘Crisálida’, de Carlos Giménez; tamén apostas de vangarda, coma ‘Sirio’, de Martín López Lam, e mesmo tebeos publicados directamente na rede, coma ‘¡Universo!’, de Albert Monteys. Tamén temos representación galega co I.D. de Emma Ríos e o Presas Fáciles de Miguelanxo Prado.

Esta selección presentase coma unha ferramenta para animar a lectores, bibliotecas, libreiros e calquera outro tipo de colectivos culturais a descubrir obras destacadas. A lista vai acompañada duns breves apuntes sobre cada obra elixida, que a sitúan e contextualizan axiña, amais de accesos directos a recensións e comentarios realizados por membros da asociación para diferentes soportes e medios de comunicación.