Test Delirante – Iolanda Zúñiga

Iolanda Zúñiga-Metrópoles DelirantesIolanda Zúñiga é escritora, no ano 2007 publica o seu primeiro libro, Vidas post-it, 46 microrrelatos con temática moi diversa, pero sempre referidos a situacións cotiás universais. En 2008 publicou o poemario Amor amén. En 2010 gañou o premio Xerais coa novela Periferia, unha historia sobre a precaridade cotiá e a falta de oportunidades nos suburbios.

1-Cal é o teu cómic preferido?

Por exemplo, o que me vén de regalar Paz, unha amiga. Convertiuse onte en preferido porque estaba farta no curro e apareceume, de sorpresa, con el: “El Cielo sobre Berlín”, de Sebastiano y Lorenzo Toma, baseado na peli de Wim Wenders.

2-Licorcafé ou Gintonic?

Gintonic de Larios e Schweppes. Resístome aos modernos tipo ensalada de froitas.

3-Lembras cal foi o primeiro que liches?

Algún na colección “El Libro Gordo de Petete”. Logo devorei todos os “Súper Humor” e “Don Miki” que se publicaron. Meus irmáns aínda gardan caixas deles cos exemplares que esquivaron aos roedores.

4-Que peli non te cansas de ver?

Non repito pelis, a vida é curta; pero… calquera de Wong Kar-wai.

5-Tes un autor de banda deseñada preferido?

Tiña varios… Agora mesmo só lembro o nome de Shaun Tan… Ah, tamén lembro o de Guy Delisle!

6-Rolling ou Beatles?

Freddie Mercury aspirando a moqueta. Berraba liberdade moito mellor que toda esa cuadrilla xunta.

7-Superherois, manga ou europeo?

Europeo. Son moi señora para o manga. Superheroes só nas camisetas (planta infantil, talle adolescente).

8-Churrasco ou sardiñada?

Bocata de calamares?

9-Un autor/a de bd galego?

Vou falar dun amigo: o debuxante Marcos Paz, que reside en México hai tempo. Xunto con outro colega, Simone Serasini, crearan o cómic dixital “Dos Sin Remedio”. Non sei se abandonaron o proxecto…

10-Un disco que adores.

Templo, de Aute: Un disco rarísimo que clausurou a miña adolescencia. Adorar, adorei todos os de Tino Casal.

11-Tes un libreiro de confianza?

Cando lograba chegar a fin de mes, mercaba en Cartabón, na libraría onde currei. Tamén vou por Librouro (estes son moi de confianza: teñen as chaves da miña casa porque adoito quedar de porta a fóra).

12-Chapeu de palla ou pucho de John Deere?

Onde é o evento?

13-Lector ocasional ou compulsivo?

(Moi) ocasional. Unha vez por ano acudo á biblioteca Penzol. Cando leo todo o que me interesa de BD, abur. Á parte da Neira Vilas non temos bibliotecas municipais na cidade. Abel, ola!

14-No verán es máis de praia ou de montaña?

De bañeira!

15-Astérix ou Tintín?

Teño a Tintín na parede, pero del só me caía ben Milú. Quedo con Obélix. Sobre todo agora que engordei oito quilos.

16- Un viño que che guste especialmente?

Oporto. Non sei se me gusta máis o espirituoso ou a cidade. Viviría e bebería alí por sempre.

17-Recomenda un cómic.

Tres, porfa, que veño de desempoar a caixa onde están:

Esquina rabiosa, de Alfredo Pons.

Prints of the West, do debuxante arxentino Carlos Nine.

El cuento de Auggie Wren, un texto de Paul Auster ilustrado por Isol.