Viñetas e Autobán o compromiso e a resistencia da nosa BD

Estes anos de crise serviron a algúns para paralizar ou mesmo reducir a mínimos a inversión en cultura, máis o Viñetas resiste e faino porque a organización soubo ser quen de implicar á cidade co festival, soubo repartir as exposicións e actividades, que a BD chegara a moitos currunchos, e sobre todo facer un modelo de festival amigábel, alonxado do modelo máis americano do consumismo puro, un modelo de festival noso, único, distinto e moi xeitoso, unha excepción no circuíto dos festivais de BD que goza de prestixio e éxito.

Viñetas2016 - Metrópoles delirantes

Foto: Viñetas desde o Atlántico

O Viñetas desde o Atlántico é un exemplo do que deberan ser este tipo de eventos culturais, moito respecto aos autores, ao medio, aos lectores, aínda que hai unha animada zona onde mercar libros, bonecos, camisetas ou fanzines, a prioridade é o contacto dos autores cos lectores, as interesantes e sempre amplas e variadas exposicións de orixinais, as charlas e presentacións, o importante é a BD. O resultado dese papel principal do medio sobre todo é, por unha banda o prestixio do que goza o festival coruñés, e por outra unha asistencia masiva, un ferver de xente de tódalas idades que se achega á BD, xente nova, turistas, coleccionistas, amantes do noveno arte e tamén cidadáns que descobren agora que na viñeta hai vida máis alá de Mortadelo, moita máis.

Este festival celébrase dende hai anos cun orzamento xustiño, con reiteradas promesas de máis apoio institucional que nunca remata de chegar, grazas á habilidade da organización que soubo nestes anos estirar cada peso e aproveitar cada acto, exposición, invitado e espazo dun xeito case heroico, loitando ás veces coa crise e outras co dubidoso gusto dalgunha corporación municipal nostálxica da España folclórica, cutre, de fritada e faralaes que representaban as “casetas rexionais” que ata o ano pasado atufaban aos visitantes do Kiosko Alfonso.

Autoban2016 - Metrópoles delirantes

Foto:Autobán

Mais tamén abroian outras iniciativas independentes á beira do Viñetas, hai tres anos naceu o Autobán, un micro festival de fanzines e auto edición cun modelo auto xestionado, outro exemplo de coma a BD galega non para de medrar, de buscar xeitos de seguir adiante e de crear. O Autobán é un dos catro eventos estables de auto edición que se organizan no país, uns máis grandes e outros máis pequenos pero todos con espírito libre e creador, xornadas nas que os artistas conviven e fan cultura de verdade, a pé de rúa, preto do pobo. Calquera que estivera polo Autobán nestes anos, de seguro namorou del, un evento alternativo que enriquece a oferta destes días con charlas, debates, mercadiño, concertos, combate de debuxantes e un sen fin de actividades ben interesantes e como dicía aquel ilustre ignorante co apoio dos “primeiros espadas” da BD galega, que sempre están cando hai que estar.

Como dicía no principio, son milagres. No caso da BD este milagre é dobre, pois amais de sufrir o mesmo desleixo que o resto das artes, tamén padece algunha propia coma a invisibilidade. A BD forma parte do sector do libro nun país gobernado por inimigos da nosa lingua e como consecuencia a produción no noso idioma é escasa, aínda que somos unha potencia na BD, con autores ben recoñecidos en Europa e Norteamérica, a obra de moitos deses nosos autores non se pode ler en galego.

O sector da BD en Galiza é dende hai moitos anos un dos máis creativos, produtivos e inquedos da nosa cultura, porén é unha das industrias creativas das máis afeitas a sobrevivir doutro xeito, fora do circuíto no que están outras artes que contan con axudas varias, por exemplo, a BD non existe para o Agadic, nunha discriminación evidente e inxusta do organismo que xestiona o que deron en chamar “as industrias culturais e creativas”, non hai nin un só programa de becas ou axudas para crear BD en Galiza. Será logo que crear libros para este goberno galego non é cultura nin industria. E por si alguén dubida, na web da Consellería de Cultura tampouco saben que existe.

A cultura no noso país é na meirande parte un milagre, cousa de activistas, de loitadores cunha vontade a proba de bombas, de voluntarismo e xestión eficaz, ou dito doutro xeito de ilusión, autoxestión e economía de guerrilla.

A política cultural galega ten ata o seu propio monumento feísta, a Cidade da Cultura, un modelo de “cultura de centro comercial”, pensado por un megalómano máis preocupado polo snobismo Neoiorquino que pola vangarda Coruñesa, puro “cosmopaletismo” feito arquitectura de dubidoso gusto, nula funcionalidade e totalmente insostible no económico. Así pois o sector cultural en Galiza, está coma esa Sé da in-cultura dedicada ao “Santo Malgastar”, cae a cachos e vive en xeral no abandono, porén é ben certo que si algún eido do sector pode berrar alto e forte ese fermoso e acertado verso do noso himno “Non nos entenden, non” é a BD Galega.