As lecturas do Sr B: El ala rota

Aquí en español.

capa-el-ala-rota-metrópoles-delirantesO duo creativo que forman Antonio Altarriba e Kim recibeu no ano 2010 o premio nacional de cómic con El arte de volar, unha excelente, densa e dura obra na que narraban a vida do pai do primeiro. O propio Altarriba explica no epílogo deste libro que chegou a conclusión de que non lle fixera xustiza a súa nai, que como é evidente, estaba, mais non se afondaba na súa historia vital.

Como tódalas mulleres desa época, Petra, que así se chamaba, era unha muller calada, sufrida, traballadora e espelida, máis tan discreta que o seu propio fillo descubriu a súa minusvalía (non podía estirar un brazo) no seu derradeiro suspiro.

Petra como moitas mulleres daquel tempo, case non tivo infancia, e pasou a xuventude coidando dun pai que a quixo matar ao nacer e que foi de mal en peor dende aquel día. Ao falecer o pai marcha a Zaragoza onde entra a servir na casa dun Xeneral do exercito Franquista, nesa casa é testemuña muda das reunións segredas do militar, e das cospiracións dos monarquicos (que os había) do exercito do dictador. Da casa do Xeneral saiu para casarse, tivo un só fillo, e unha vida caseira. Rematou os seus días nunha residencia e foi xa no seu leito de morte onde o seu fillo descubre o pouco que sabe da vida da súa nai.

01-ala-rota-metropoles-delirantes

Altarriba e Kim, repiten os esquemas da (chamemoslle así) primeira parte; un guión sólido, perfectamente estruturado, narrado con destreza, con elegancia, na gráfica un debuxo realista, descarnado e que saca proveito do branco e negro e os grises para amosarnos unha españa dura, pobre e reprimida. Alonxada do edulcorado discurso oficial da transición.

Non hai composiciones de páxina fora do normal, pero si unha correcta pauta case fixa de seis viñetas por páxina nas que Kim amosa a súa destreza no debuxo, aínda máis preciso e detallado que no xa magnífico el arte de volar.

Pero este libro non só é a historia da nai de Altarriba, é a historia dun século, dunha España famenta, dunha España vencida e humillada polos feixistas, mais tamén a de milleiros de mulleres que foron motores e sustento das familias, que dende a discrección o traballo e a templanza souberon sacar adiante aos seus fillos e foron quen de superar as dificultades de ser mulleres nun estado tan retrógrado.

02-ala-rota-metrópoles-delirantesÉ un libro que se atreve a ficcionar un descoñecido pasaxe da historia, o episodio dos militares franquistas que seguiron fieis aos ideais monárquicos e mesmo conspiraron contra o réxime do orondo xenocida, que segundo as hipoteses dos autores, non deixou pasar tales actos sen unha purga mortal.

Tamén hai unha certa crítica social na derradeira parte do libro, cando Petra xa está na residencia xeriatrica a cargo dunhas monxas que a miúdo mután en avariciosos capitalistas con xeitos (case) mafiosos.

Altarriba e Kim asinan con este díptico (El arte de volar e El ala Rota) un par de excelentes obras que tendo sentido por separado, aínda teñen máis como obra única e que cumpren con tódolos mándamentos dunha boa banda deseñada; excelente factura de guión e debuxo, historia interesante, por suposto, ben contada e nunha magnífica edición de Norma.

Unha reflexión sobre “As lecturas do Sr B: El ala rota

  1. Eduardo

    Sacoume totalmente do relato a subtrama dos militares monárquicos. Tratándose esencialmente dunha crónica familiar, aínda que indirectamente poida ser espello dunha época, pareceume que un episodio político coma ese tiña un mal encaixe no conxunto.

Os comentarios están pechados.