As lecturas do Sr B: Presas Fáciles

Aquí en español.

presas_capa-metropoles-delirantesMiguelanxo Prado é un autor superlativo, non hai dúbida ningunha, e deixa en cada libro boas mostras. Neste Presas fáciles da un pasiño adiante para non só agasallarnos cunha obra gráfica excelente, senón que amais deita nel a rabia dun humanista cabreado coa parte podre da sociedade cruel e carroñeira que permite o engorde dos beneficios empresariais á costa dos patrimonios e as vidas dos máis débiles, actuando coa impunidade que herdaron dos caciques e os señoritos que decidían destinos e aos que por desgraza tan ben coñecemos na terra nosa.

Presas fáciles avisa xa desde a capa do que imos atopar. Dous velliños miran entre aterrados e resignados a unhas hienas que os axexan, porque este libro non só é unha historia policíaca que afonda no drama das preferentes e os abusos da banca, tamén é a historia dos que son silenciados polos poderes económicos, mediáticos e políticos, un xeito de ensaio no que Miguelanxo busca unha resposta á creba do contrato social que herdamos da revolución francesa. Cando o estado non garante nada e a xustiza non é cega nin xusta, que facemos?

presas_1-metropoles-delirantesA trama comeza coa aparición de dous cadáveres e a través da inspectora Tabares e o seu compañeiro Sotillo imos coñecendo os detalles da investigación e debullando polo miúdo a historia, que a medida que avanza vaise complicando. Ao tempo coñecemos detalles vitais dos diferentes personaxes, todos eles relacionados dalgún xeito coa banca, ben sexa como estafadores ou coma estafados.

No tocante á parte gráfica, non hai sorpresas, Miguelanxo desprega toda a súa experiencia e bo facer, un debuxo excelente nun acaído branco e negro que coma unha luva vai axustado co ton da historia. O realismo dos lápises do coruñés é simplemente perfecto, o ritmo narrativo é fluído e a construción dos personaxes soberbia.

O libro chega as librarías nunha dobre edición, galego e español, o que é unha moi boa nova, mais atopamos dúas pequenas pegas, a falla de revisión filolóxica do texto e o complexo de “primadona” da editora galega que a leva a poñer a súa marca a tamaño e ubicuidade case ofensiva.

presas_2-metropoles-delirantesMiguelanxo Prado xa trascendeu hai tempo á súa propia obra na banda deseñada. É deses poucos autores de cómic que está por riba do circuíto mediático máis especializado e cada nova obra do Coruñés, aparece nos medios xeralistas. Aínda que isto sempre é bo, é unha mágoa que só algúns autores coma Prado sexan merecedores de atención polos culturetas de pro onanistas de Supertramp e Zulueta aos que o cómic segue a parecerlles unha arte menor, eses que forman tribo cos que opinan das enfermidades máis que das obras e que mesmo tratan torticeiramente de achegar a banda deseñada destes autores máis á literatura, como si a letra fora máis seria cando vai sen cadriños.